ALCER Ourense atendeu a 160 persoas con enfermidade renal crónica en 2024

OurenseXa
A través do programa ALCER Contigo, a asociación proporciona apoio e asesoramento ás persoas que padecen esta enfermidade na provincia
Porgrama “Atención Social e Asesoramento Especializado II” de ALCER Ourense
Porgrama “Atención Social e Asesoramento Especializado II” de ALCER Ourense
6 Mar 2025

ALCER Ourense levou a cabo ao longo de 2024 o proxecto ALCER Contigo, continuando coa súa labor iniciada no ano 2020 de dar apoio ás persoas con enfermidade renal crónica de Ourense, un colectivo vulnerable ao que asesoran de forma continuada.

Con este proxecto, presentado a través da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), pretendeuse como obxectivo principal estar presentes na comunidade, dar visibilidade á enfermidade renal —xa que o 90 % das persoas que a padecen non están diagnosticadas— e prestar apoio a este colectivo así como ás súas familias. Para iso, organizouse unha sesión mensual do grupo de apoio “Da túa man”, realizáronse máis de 300 chamadas de apoio a socios e socias, e enviouse información relacionada con axudas, recursos, alimentación adaptada, prevención da enfermidade ou fomento da doazón de órganos, así como campañas informativas en días sinalados como o Día do Ril, o Día do Doante de órganos ou charlas para organismos e colectivos que o demandaron.

A enfermidade renal causa un gran impacto na vida da persoa diagnosticada, truncando o proxecto de vida e ocasionando, na maioría dos casos, a imposibilidade de compaxinar o tratamento cunha vida laboral, dada a cantidade de horas que a persoa debe dedicar ao tratamento. Por iso, é necesario un diagnóstico precoz, acompañar con información fiable, recursos adecuados e apoio cando chega o diagnóstico, pero sobre todo, é importante reducir o infradiagnóstico desta doenza e previr para evitar chegar a precisar un tratamento substitutivo.

Este proxecto forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE. A Confederación xestiona esta subvención para a financiación dos proxectos prioritarios das súas entidades, proporcionándolles asesoramento e realizando un seguimento pormenorizado durante todo o proceso.

⚙ Configurar cookies
0.64982604980469