ALCER Ourense celebra un obradoiro de nutrición para persoas con enfermidade renal crónica
A Asociación para a Loita Contraas Enfermidades Renais de Ourense (ALCER Ourense) organizou este luns 19 de febreiro dende as 16h00 ás 20h00, un obradoiro de nutrición para persoas con enfermidade renal crónica en colaboración coa Escola Galega de Saúde (EGSC), a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o CHUO de Ourense. Para elo contaron coa nutricionista da propia entidade, Ángela Oliveira, que impartiu un obradoiro teórico - práctico de etiquetado e seguridade alimentaria. Unha perfecta combinación entre o máis complexo da lectura do etiquetado á hora de comprar alimentos no supermercado a través de multitude de exemplos e como podemos ter o coñecemento básico para saber o que levamos para os nosos fogares. Unha vez alí, saber como gardalos, dende a despensa e frigorífico ou unha vez abertos. Todo o obradoiro feito dende unha perspectiva participativa e persoalizada con dinámicas grupais inclusivas. A actividade desenvolveuse no CHUO, e contouse coa participación de 19 persoas, entre pacientes e familiares.
A enfermidade renal é unha enfermidade que afecta o funcionamento dos riles e trae consigo moitas dúbidas, entre as que se atopan as nutricionais. A alimentación é un dos piares fundamentais na enfermidade renal e o coñecemento e interese dos alimentos que compramos e unha ferramenta prioritaria para obter un control na inxesta de alimentos. Unha boa elección de alimentos e de líquidos permitirá o retraso da entrada en diálise, o mantemento da funcionalidade dos riles, no caso das persoas en control nefrolóxico, ou unha sesión de diálise menos agresiva no caso das persoas en diálise, para as persoas con transplante renal tamén é importante manter uns hábitos de vida saudables que permitirán coidar o órgano.
ALCER Ourense é unha asociación sen ánimo de lucro, con máis de 40 anos de experiencia na atención das persoas con enfermidade renal crónica na provincia de Ourense, e que conta con servizos como o de información e asesoramento social, grupos de apoio, axudas para compra a persoas con enfermidade renal sen recursos ou consulta nutricional, entre outros.