Allariz inaugura o 17 de maio unha nova edición do Festival Internacional de Xardíns

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz celebrará o vindeiro sábado, 17 de maio, ás 19.00 horas, a inauguración oficial da súa décimo quinta edición, coincidindo coa festividade das Letras Galegas. Este encontro anual, único nas súas características no Estado, poderá visitarse ata finais de outubro.
Baixo o lema “Cambio climático, unha oportunidade para o xardín”, a edición deste ano propón unha reflexión colectiva sobre como os espazos verdes poden contribuír á mitigación e adaptación fronte á emerxencia climática. O festival convida a repensar o deseño paisaxístico como ferramenta activa na loita contra o cambio climático, sen renunciar á creatividade e á expresión artística.
Máis dunha trintena de proxectos presentáronse a concurso, dos cales nove verán a luz o próximo sábado 17 de maio e estarán en competición, podendo ser votados polo público visitante. Completan a mostra o xardín escolar deseñado polo CEIP Padre Feijóo de Allariz e os dous xardíns gañadores da edición anterior: “O xardín ao revés”, de Madrid, gañador do voto popular 2024, e “Entra nunha obra de arte”, de Viena, gañador do voto técnico do xurado (AEP) 2024.
Nesta edición participan equipos procedentes de Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Ourense, Allariz, Ecuador, Uruguai, México, Bolivia e Austria, o que consolida o carácter internacional do festival e a súa capacidade de atraer propostas de perfís diversos, cunha mirada global sobre os retos ambientais e paisaxísticos actuais.
Os proxectos desta edición ofrecen unha reflexión diversa e comprometida arredor do cambio climático, entendido non só como un desafío, senón como unha oportunidade de transformación para o deseño paisaxístico. As propostas exploran solucións creativas fronte aos efectos da crise ambiental: desde a recuperación de espazos degradados, ata o uso de especies resilientes, pasando por metáforas visuais que convidan a repensar a nosa relación coa natureza e co territorio.
Na mañá de hoxe, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e a concelleira de Promoción Económica, María López, visitaron as instalacións do Festival para supervisar os traballos finais de montaxe e ultimar os detalles previos á inauguración oficial. Durante a visita, destacaron a calidade das propostas presentadas e puxeron en valor o esforzo colectivo que fai posible esta cita anual coa creatividade e o paisaxismo.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz converteuse nun referente estatal, cunha media de 40.000 visitantes anuais, e destaca pola súa aposta pola sustentabilidade, a educación ambiental e a participación cidadá. É tamén unha plataforma viva de experimentación paisaxística e innovación creativa.
O acto de inauguración terá lugar o sábado 17 de maio ás 19.00 horas no recinto do festival. Durante a inauguración, as persoas asistentes poderán gozar de sorpresas relacionadas coas Letras Galegas, o medio ambiente e a música, que farán do percorrido unha experiencia única, integrada e sensorial. Convidamos a todas as persoas a participar e gozar deste evento aberto ao público, que contará coa presenza de autoridades locais, participantes e veciñanza.