Allariz presenta o programa das III Xornadas para Familias

OurenseXa
Este ciclo de actividades, que se desenvolverá entre o 25 de abril e o 15 de maio, ten como obxectivo promover espazos de encontro, reflexión e aprendizaxe
presentacion-xornadas-para-familias-allariz
Presentación das III Xornadas para Familias de Allariz
21 Apr 2025

A Área de Benestar Social do Concello de Allariz, a través do Departamento de Familia, pon en marcha unha nova edición das Xornadas para Familias baixo o lema “CON-VIVENCIA(S): Acompañando na crianza”. Este ciclo de actividades, que se desenvolverá entre o 25 de abril e o 15 de maio, ten como obxectivo promover espazos de encontro, reflexión, aprendizaxe e desfrute compartido arredor da crianza, o coidado emocional e a corresponsabilidade no fogar.

“É fundamental crear espazos públicos nos que as familias se sintan acompañadas e con ferramentas para afrontar os retos da crianza. Estas xornadas son unha mostra do compromiso de Allariz cunha sociedade máis coidada, empática e corresponsable”, explicou a concelleira de Benestar Social, Tania Álvarez Ayán, na presentación do programa.

A inauguración terá lugar o xoves 25 de abril ás 17.00 horas no segundo andar do Fogar dos Maiores, cun acto conducido pola propia concelleira e pola educadora familiar Uxía Fernández Cordeiro. Seguidamente, ás 17.10 horas, a escritora e comunicadora Coral Herrera ofrecerá a palestra “Coidarnos en familia”, na que reflexionará sobre como construír relacións afectivas máis igualitarias, libres de violencia e baseadas na tenrura, a escoita e o respecto mutuo. Esta primeira sesión contará con servizo de canguraxe gratuíto, dispoñible para quen o solicite previamente.

A programación continuará o mércores 7 de maio, ás 17.15 horas, cun obradoiro vivencial titulado “Toco, exploro, sinto”, dirixido a crianzas de 6 meses a 6 anos e ás súas familias. Impartido por Ana e Eva, mestras de educación infantil e responsables do proxecto @asi_aprendo_yo, este encontro centrarase nas bases sensoriais da primeira infancia e terá lugar tamén no Fogar dos Maiores, sendo necesaria inscrición previa.

O sábado 10 de maio, de 11.00 a 13.00 horas, será a quenda de “Contos, música e danza”, un obradoiro lúdico e creativo para familias con crianzas de 2 a 6 anos, guiado por Getse Valenzuela, mestra especialista en música. Ao día seguinte, domingo 11 de maio, terá lugar unha proposta ao aire libre: a “Orientaventura da Corresponsabilidade en Familia”, unha xincana organizada polo equipo de Territorio Comanche, con saída ás 11.00 horas desde o Xardín do Fogar dos Maiores. As participantes deberán superar retos colaborativos nun percorrido por diferentes puntos da vila, e será necesaria inscrición previa.

Xa na recta final, o mércores 14 de maio ás 18.00 horas, celebrarase o obradoiro “Xestión emocional e conflitos”, orientado a familias con crianzas de 7 a 12 anos, da man de Rocío Álvarez, formadora, asesora educativa e terapeuta da Escuela de Emociones. Esta actividade tamén contará con servizo de canguraxe, previa solicitude. As xornadas clausuraranse o xoves 15 de maio, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Familias, cunha xornada festiva no Xardín do Fogar dos Maiores. A partir das 17.00 horas celebrarase un piquenique familiar, para o que se convida ás familias a traer a súa manta e merenda. Ás 17.30 horas, o grupo Ghazafelhos ofrecerá a obra teatral Travesía Unicornio, cunha duración de 50 minutos, e a festa rematará ás 18.30 horas cunha sesión de Picadiscos pensada para o desfrute de todas as idades.

Todas as actividades son gratuítas, aínda que moitas delas requiren inscrición previa, que pode formalizarse nas dependencias do Fogar dos Maiores ou chamando aos teléfonos 988 554 059 ou 683 614 691. O servizo de canguraxe tamén será de balde, e estará dispoñible nas sesións do 25 de abril e do 14 de maio para aquelas familias que o soliciten con antelación. Con estas III Xornadas para Familias, o Concello de Allariz reafirma o seu compromiso coa promoción dunha crianza consciente, a educación emocional e a creación de espazos públicos que favorezan o benestar compartido entre pequenas e maiores.

⚙ Configurar cookies
0.16389608383179