Amigas das Árbores convoca unha asemblea veciñal para frear a tala de árbores no Xardín do Posío

OurenseXa
Chaman á participación cidadá este venres ás 20.30 horas fronte ao IES Otero Pedrayo para esixir ao Concello que cese coa tala de árbores que está a levar a cabo neste pulmón verde da cidade
tala-de-arbores-xardin-do-posio
Tala de árbores no Xardín do Posío
9 May 2025

A asociación Amigas das Árbores convoca este venres unha asemblea veciñal aberta para informar sobre as accións realizadas ata o de agora e debater posibles medidas para deter o que cualifican como “a destrución do patrimonio verde da cidade”.

O encontro terá lugar ás 20:30 horas fronte ao IES Otero Pedrayo, na contorna do Xardín do Posío, epicentro da polémica pola tala de árbores derivada duns traballos orzamentados en 2,6 millóns de euros que está a levar a cabo o Concello de Ourense. Segundo denuncian os organizadores, xa foron eliminados arredor de 25 exemplares, algúns deles centenarios.

O Concello, pola súa banda, deféndese das acusacións alegando que a tala destas árbores, emblema deste pulmón verde da cidade, lévase a cabo “ben por ser improcedentes ou ben porque se atopan en mal estado”. Así, din, no caso dos chopos “non teñen ningunha función no que debería ser un gran Xardín do Posío, que non é unha Alameda (con álamos ou, a miúdo, chopos), nin un parque”.

Excusan a súa actuación alegando que xeran “problemas alérxicos” e que os chopos “eran un perigo para os magnolios”, e cualifican a súa plantación de “aberrante”, xa que din que se fixo hai décadas “a menos de 3 metros, en lugar dos 15 recomendados”. Segundo o alcalde, a tala débese “a un ben maior” e asegura que se replantarán outras árbores nese espazo.

Desde a asociación, porén, advirten que Ourense incumpre as recomendacións internacionais sobre cobertura verde urbana. “A OMS e a Unión Europea recomendan polo menos unha árbore por cada tres habitantes e entre 10 e 15 metros cadrados de espazo verde por persoa”, sinalan. “Porén, en Ourense hai unha árbore por cada 21 habitantes e só 5,7 metros cadrados de verde por veciño”, engaden, citando datos do propio Concello.

Amigas das Árbores fai un chamamento á cidadanía para protexer o “patrimonio vivo” da cidade e aseguran que “outro Ourense é posible, e necesario”.

⚙ Configurar cookies
0.1567120552063