Aprobada a modificación do prego de condicións da Denominación de Orixe Ribeira Sacra

As modificacións aprobadas procuran adaptar os parámetros analíticos dos viños á situación actual, xa que estes valores tiñan permanecido practicamente inalterados dende a creación desta denominación
ribeira-sacra-viñedos
Ribeira Sacra
17 Maio 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves  unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se aproba e se dá publicidade a unha modificación do prego de condicións da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O cambio foi solicitado polo Consello Regulador desta DO e tramítase, consonte ao establecido pola normativa, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

A aprobación destas modificacións corresponde á administración autonómica, xa que non afectan ao nome da denominación nin ao vínculo do produto co territorio nin implican restricións ao comercio, que son os aspectos cuxo cambio requiriría a aprobación pola Comisión Europea.

As modificacións que solicita incluír o Consello Regulador afectan aos valores límite dalgúns parámetros analíticos de determinadas categorías de viños, en particular á acidez total mínima, á acidez volátil máxima e ao contido máximo de sulfuroso. Estas modificacións procuran adaptar os parámetros analíticos dos viños á situación actual, xa que estes valores tiñan permanecido practicamente inalterados dende a creación desta denominación. Neste sentido, debe terse en conta que hai unha clara tendencia, vinculada ao cambio climático, á obtención de viños con graduacións alcohólicas máis elevadas, o que ten influído na modificación doutros parámetros analíticos, en particular, a acidez total e a acidez volátil.

Ademais, cómpre ter en conta os cambios que se teñen producido na elaboración de viños. Na actualidade estanse a facer viños que pasan cada vez máis tempo en depósito, mesmo dunha anada para outra, fronte ao que era habitual ata o de agora, cando pasaban pouco tempo en depósito. Isto inflúe no aumento da acidez volátil e na baixada da acidez total, así como no aumento dos valores en dióxido de xofre para evitar unha excesiva acidez volátil.

Cambios principais

Cos cambios introducidos rebáixase  a acidez total mínima dos viños, que pasa de 4,5 a 4 (medida en gramos de ácido tartárico por litro) e auméntase o valor da acidez volátil máxima nos viños tintos  (ata 0,80 gramos de ácido acético por litro) e nos viños brancos e tintos que se etiqueten como “Barrica” ou “Garda” (pasando o máximo a 1,20 g/l para os tintos e 1,08 g/l para os brancos). Por outra banda, no referido ao dióxido de xofre máximo permitido, o límite queda en 150 miligramos por litro no caso dos viños tintos e en 200 miligramos por litro para os brancos e rosados.

0.22043299674988