Aprobadas dúas iniciativas socialistas para solventar as eivas no estadio do Couto e defender a liberdade de prensa

OurenseXa
A oposición pide ao alcalde de Ourense que respecte a liberdade e o pluralismo dos medios de comunicación
María Fernández Ojea, grupo municipal socialista de Ourense
13 Dec 2024

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense conseguiu que se aprobasen as dúas iniciativas que presentou no pleno ordinario de decembro que tivo lugar esta mañá. A primeira delas foi respaldada por unanimidade e reclama que a Xunta de Galicia acometa unha segunda fase de remodelación para o estadio de fútbol do Couto ante as deficiencias atopadas logo dos case 3 millóns de euros investidos para as primeiras obras. A segunda, para que se respecte institucionalmente o labor dos e das profesionais dos medios de comunicación e o dereito de acceso á información.

“Ourense precisa un alcalde que poña o interese público por riba dos seus particulares e electorais. É certo que os medios de comunicación padecen unha crise de credibilidade e en España temos un problema coa desinformación moi grave. E tamén é certo que a Xunta de Galicia exerce un excesivo control sobre a CRTVG, cuxos traballadores levan moito tempo denunciando. Pero en Ourense, o alcalde é antes un propietario dunha canle de televisión que o alcalde da cidade”, argumentou a edil María Fernández respecto á moción que leva nos seus puntos de acordo instar ao executivo de Jácome a que os plenos, e toda a información sobre a institución e o goberno municipal, se realicen de xeito público a través das canles oficiais da Administración local e sexan convocados e difundidos dende as canles propias do Concello de Ourense.

Apuntou, na súa quenda de palabra, que a nova idea do rexedor de suprimir as roldas de prensa para que os e as xornalistas non poidan preguntar non responde máis que a unha táctica do propio Gonzalo Pérez Jácome para reposicionarse nas redes sociais cando o tráfico das mesmas descende. E lembrou que mentres imposibilita aos e ás profesionais da cidade fiscalizar o seu traballo como alcalde, concede entrevistas en medios estatais para xerar máis ruído e que non se fale das obras e débedas do Concello sen pagar, do PMP a provedores que é dos máis altos de España, da ausencia de políticas de conciliación ou igualdade e de todas as concesións que continúan en precario ou da ausencia de orzamentos en 5 anos de mandato.

Ademais, o texto que foi aprobado cos votos a favor de toda a oposición pide ao executivo local que respecte a liberdade e o pluralismo dos medios de comunicación, que defenda a liberdade de expresión –que inclúe o dereito a recibir e difundir información sen inxerencias das autoridades públicas– e que cumpra coa Lei 29/2005, de 29 de decembro, de Publicidade e Comunicación institucional eliminando o uso das redes, canles e espazos do Concello de Ourense con fins partidistas.

Acometer unha segunda fase de remodelación das obras do estadio do Couto

Pola súa banda, a edil Alba Iglesias defendeu unha iniciativa que respaldou por unanimidade a Corporación para que se leve a cabo unha segunda fase de remodelación das obras do estadio do Couto logo das múltiples eivas detectadas trala primeira. “As primeiras obras, levadas a cabo por parte da Xunta de Galicia en 2023, supuxeron un investimento de aproximadamente 3 millóns de euros. Pero, lamentablemente, non abordaron de maneira integral as melloras necesarias. Como consecuencia, numerosas deficiencias seguen presentes, o que repercute negativamente na súa operatividade e na súa imaxe.

A falta de megafonía actualizada, os vestiarios en mal estado, a iluminación deficiente e as dificultades de acceso son algúns dos exemplos a enumerar”, relatou a socialista.
“O PSdeG ve con preocupación que a remodelación realizada non resulta suficiente para garantir a modernización dunha infraestrutura que xoga un papel fundamental no deporte e na cultura da terceira cidade de Galicia. Aínda que se anunciou como unha reforma integral, as obras actuais non responden ás expectativas nin ás necesidades reais dos e das deportistas e dos e das usuarias”, engadiu sobre o texto que solicita ao executivo autonómico a acometer a segunda fase de remodelación da infraestrutura.

Preocupación polo novo PXOM

A voceira do PSdeG na Administración local, Natalia González, foi a encargada de intervir na iniciativa que reclamaba unha segunda exposición pública para o novo PXOM lembrando que o plan está repleto de “caprichos” que non responden ao interese xeral da cidadanía. “Un documento que, a pesar da insistencia de todos os grupos políticos, foi paralizado por Gonzalo Pérez Jácome durante dous anos e agora volve a activarse como un remix das aportacións do edil do PP, que o actual alcalde criticaba, e as inclusións recentes de Democracia Orensana”, expuxo no Salón de Plenos.

“Ourense necesita un novo PXOM, iso é innegable. Pero neste caso obviouse dende o principio o consenso político que debería ser fundamental para sacar adiante un plan decisivo para o futuro da urbe. Non obstante, atopámonos con que a viabilidade económico non está garantida e tampouco se contempla a transparencia nin a información pública para que a cidadanía saiba cales van ser as intervencións urbanísticas dos próximos anos”, rematou.

0.092427015304565