As Festas de Ourense trasladaranse á contorna do Pavillón dos Remedios

As Festas de Ourense 2025 serán do día 18 ao 22 de xuño, coincidindo coa fin do curso escolar, e terán un novo emprazamento. Serán, segundo anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na zona do Pavillón dos Remedios, na rúa Pardo de Cela. As festas abandonarán así a súa localización tradicional, que foi sempre a céntrica Alameda de Ourense. O goberno municipal non explica os motivos desta decisión, que podería deberse a temas de espazo, xa que o entorno do Pavillón dos Remedios pode abarcar unha maior cantidade de xente, evitando así grandes aglomeracións na Praza Maior e o Progreso.
Recentemente e a través das súas redes sociais, o rexedor tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de instalar o mercado medieval na Ponte Romana, alegando que “si el Ponte Vecchio de Florencia puede, nosotros también”. Recoñece que instalalo de forma fragmentada, como ocorreu o ano pasado, non gusta nin a usuarios nin a mercaderes, e sinalaba que a razón débese a que, coa nova normativa de mobilidade, non se permite o uso de determinadas rúas para estes fins ao ser demasiado estreitas.
O certo é que nos últimos anos as Festas de Ourense veñen levantando as críticas tanto entre os grupos da oposición no Concello como en parte da cidadanía, que piden unha programación cultural máis ampla e non só orquestras. Tamén os feirantes queixábanse o ano pasado de que o novo emprazamento das barracas, no Parque do Barbaña, fora un “fracaso”. Porén, a decisión tomada polo Concello de trasladar as Festas ao entorno dos Remedios podería poñer fin a este problema, aglomerando todas as actividades neste lugar.