As obras de acondicionamento do CEIP Joaquina Gallego Jorreto contaron cun orzamento de 91.000 euros

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou este martes o remate de distintas obras que se levaron a cabo no CEIP Joaquina Gallego Jorreto da Merca nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional investiu máis de 91.000 euros.
Na súa estadía no centro, o delegado territorial referiuse á partida destinada ao eido educativo dos novos orzamentos que inclúe un investimento total de 15,6 millóns euros destinados a executar obras na provincia de Ourense. Compre logo dunha década de posta en marcha de proxectos específicos, dar un salto cualitativo cara a excelencia, e os orzamentos deste ano, en palabras de Manuel Pardo, “proporcionan as ferramentas para acadar este reto, como a Estratexia de Educación Dixital 2030, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Plan de Linguas, o Plan de modernización da FP ou a Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade para os vindeiros anos”.
Manuel Pardo destacou que os Orzamentos de 2025 permiten afrontar retos como a maior modernización do sistema educativo que iniciamos este curso e que vai continuar nos próximos anos ou a matrícula universitaria gratuíta e unha intensa aposta polo I+D+i galego; no ensino, mellores rateos, máis profesores a pesares da baixa do alumnado, máis atención ao alumnado con necesidades especiais, máis coidado do rural e mellor carreira profesional docente; e na ciencia, máis investigación e apoio ao talento que se fai desde as universidades e os centros tecnolóxicos.
Tamén lembrou que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implante a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”; e subliñou outras novidades para este novo curso como o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20%, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais.
Entre as actuacións máis destacadas, o representante do Goberno galego salientou o novo IES do Pereiro de Aguiar (300.000 euros); a ampliación do CIFP A Farixa (970.000 euros) e a ampliación do IES Manuel Chamoso Lamas (1,5 millóns de euros) e puxo énfase no investimento de 3,3 millóns de euros na acreditación de excelencia do Campus Auga da Universidade de Vigo.
As actuacións no CEIP Joaquina Gallego Jorreto
As obras que se desenvolveron neste centro educativo consistiron na reparación da caldeira da calefacción e a substitución da cheminea; a construción dunha rampla de acceso para discapacitados; a execución dun novo aseo para a aula de educación infantil; o arranxo das filtracións no lucernario da parte central do edificio e a reforma dos aseos da planta baixa do colexio.
Reunión co alcalde
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no concello para manter un encontro co alcalde Manuel Garrido e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.
Manuel Pardo trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello”.