As obras de remodelación do CIFP Vilamarín rematarán no último trimestre de 2024

OurenseXa
Os traballos contan cun investimento de case 800.000 euros
Román Rodríguez visita as obras de remodelación do CIFP Vilamarín
14 Xul 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou esta fin de semana o avance das obras de ampliación do Centro Integrado de FP Vilamarín. Durante o seu percorrido polo centro, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular do departamento educativo da Xunta destacou o acerto da súa conversión en centro integrado o pasado curso, “que permitiu reforzar a súa especialización na familia profesional da Hostalaría na área de Ourense, apostando polo sector agro-hostaleiro, facendo énfase na hostalería sostible de quilómetro 0”, dixo.

Román Rodríguez remarcou que as obras en marcha teñen como obxectivo, precisamente, mellorar os espazos para impartir os ciclos desta familia profesional. A intervención inclúe a ampliación do centro pola falta de espazo no módulo de talleres-cociña, máis concretamente na zona dedicada a Pastelería. Para iso, estase a edificar un novo volume encostado á edificación actual, pola súa banda norte, cun soto destinado a vestiarios e limpeza e unha planta baixa dividida en tres grandes aulas/talleres, unha de Panadería e outros dos espazos de Pastelería.

A remodelación deste centro conta cun investimento de case 800.000 euros co obxectivo de renovar e adaptar as infraestruturas aos novos servizos. O conselleiro explicou que o obxectivo desta obra “é dar resposta ás necesidades logo de converterse en CIFP e ampliar a oferta FP no rural, como un reforzo á especialización da hostalaría na área de Ourense”.

A obra, iniciada no mes de maio, xa leva avanzado un 14% do proxecto e se prevé que este rematada para o último trimestre do ano 2024. Agora durante a época estival estanse desenvolvendo as actuacións na estrutura, realizándose o forxado da baixa cuberta.

Román Rodríguez enmarcou esta actuación no compromiso da Xunta co impulso á FP en Galicia. “Non en balde, para o curso que vén, o centro contará co ciclo básico de Dual Intensiva de Aproveitamentos forestais, con 18 prazas, e co ciclo de medio de Dual Intensiva en Servizos de restauración, con 44 alumnos”, resaltou durante a visita.

0.20946002006531