As socialistas de Ourense presentan as súas propostas para conmemorar o 8M

O grupo municipal socialista do Concello de Ourense vén de presentar un conxunto de propostas para conmemorar o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, centradas na educación, a sensibilización social e a participación cidadá como claves para avanzar cara a unha igualdade efectiva.
Entre as accións propostas destaca a organización de actividades en asociacións veciñais e centros cívicos, con mesas redondas que abordarán temas como a linguaxe inclusiva, o sexismo no traballo e as desigualdades que aínda persisten nos distintos sectores profesionais. A ide, explican, é promover espazos de diálogo onde as mulleres poidan compartir as súas experiencias e buscar solucións conxuntas.
Outra das iniciativas presentadas é a creación dunha exposición sobre mulleres que romperon barreiras, que se poderá exhibir en varios puntos da cidade, autobuses urbanos e mediante arte urbana con grafitis feministas. Ademais, propóñense instalar siluetas humanas en cor violeta en espazos públicos para visibilizar as vítimas da desigualdade e da violencia de xénero, acompañadas de mensaxes informativas e de sensibilización.
As socialistas tamén fan fincapé nos coidados, un ámbito no que as mulleres continúan asumindo a maior parte da responsabilidade. Por iso, apostan por unha campaña municipal para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade, con apoio a familias monomarentais, obradoiros para homes e mulleres, e sinais na cidade que promovan a repartición equitativa das tarefas domésticas.
Para implicar á mocidade, as propostas inclúen a organización de concursos de arte urbana, a realización dun mural feminista, un scape room temático e un cinefórum que trate temas como os teitos de cristal, as desigualdades actuais e o impacto das mensaxes regresivas nas redes sociais, segundo trasladaron ao Consello Municipal de Igualdade.
Ademais, as concelleiras socialistas presentaron candidaturas para o Premio Clara Campoamor de Igualdade de Oportunidades, co fin de recoñecer o traballo de mulleres ourensás destacadas en diferentes ámbitos. Entre elas están deportistas como Raquel Carrera, Paula Ginzo e Inés Sotelo, a profesora e investigadora Rosa María Cid Galante, as profesionais da sanidade María Isabel Rodríguez Ambrosio, María Jesús Espinosa Menor e Verena Rodríguez González, e a ximnasta Melania Rodríguez.
Desde o grupo socialista recalcan que estas propostas buscan ir máis aló dunha simple conmemoración, apostando por facer da igualdade un compromiso constante, visible e participativo ao longo de todo o ano, valorando o talento feminino e reforzando as políticas municipais contra a desigualdade e a violencia de xénero.