As socialistas esixen a Jácome un plan de estacionamento e mobilidade e a rehabilitación integral da Alameda

As socialistas de Ourense acusan ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome de deixar á cidade inmersa “nun caos que vai en aumento” debido ás últimas medidas postas en marcha en materia de mobilidade, como a entrada en vigor das novas liñas de autobuses o pasado es de setembro e os sucesivos cambios que acumulan, a entrada en vigor da ZBE e a supresión da ORA. Todo feito, din, de forma improvisada.
“Prohibir, retirar e improvisar, ese é o modelo de mobilidade do alcalde”, sinala a voceira, Natalia González, que insiste en que a entrada en vigor da Zona de Baixas Emisións a finais de decembro de 2025 e a eliminación da ORA a principios deste ano engadiu “máis desconcerto” á cidadanía pola “escasa información facilitada” e “máis descontrol viario, con atascos que se incrementan en días de choiva”.
“Se engadimos á ecuación o modelo de transporte urbano, imposto polo rexedor a golpe de debuxos con rotulador, o resultado é claro: máis tráfico de procura, máis contaminación, máis tempo perdido, máis prexuízos para residentes e comercio”, denuncia González, que lembra que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), que marca o camiño nesta materia, xa foi aprobado. Porén, critica, “o goberno municipal decidiu non executalo”.
Por iso, dende o grupo municipal socialista levarán ao pleno unha iniciativa para esixir, con carácter urxente, un plan de aparcamento e mellora da mobilidade, con medidas concretas e inmediatas como aparcadoiros disuasorios e modulares, a habilitación de solares públicos e privados, sistemas intelixentes de estacionamento para residentes, microhubs urbanos de distribución ou a eliminación do feísmo urbano xerado pola supresión da ORA e os parquímetros abandonados nas rúas.
REHABILITACIÓN INTEGRAL DA ALAMEDA DE OURENSE
Por outra banda, as socialistas esixirán tamén noutra moción a recuperación e rehabilitación da Alameda como espazo de uso público para a veciñanza da cidade.
Neste senso, critican con dureza que nos últimos meses dende o executivo municipal se empregue a recuperación deste espazo “como arma política”, referíndose aos ataques do alcalde contra os comerciantes da Praza de Abastos número 1 e ao bloqueo da rehabilitación deste espazo. A alameda, reclama a voceira socialista, “non pode seguir sendo unha arma populista nin unha escusa para non facer nada”. Trátase, insiste González Benéitez, “dun espazo emblemático que hoxe segue secuestrado pola mala planificación”.
Por iso, considera imprescindible “pechar esta etapa de provisionalidade cronificada” e “garantir unha solución definitiva para a actividade da Praza de Abastos e acometer unha recuperación integral da Alameda, devolvéndolle o seu carácter de espazo público aberto, verde e de convivencia cidadá”.
Por iso, o texto rexistrado polos socialistas, insta ao goberno municipal a que proceda á redacción dun proxecto integral de rehabilitación da Alameda do Concello que inclúa, como mínimo, a reparación dos danos ocasionados pola ocupación prolongada, a recuperación do xardín histórico e das zonas verdes, a renovación do mobiliario urbano, a mellora da iluminación, da accesibilidade e da seguridade, todo elo baixo criterios de sustentabilidade ambiental e conservación patrimonial.
Ademais, a moción insta tamén ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome a dotar de orzamento nos vindeiros presupostos municipais as actuacións necesarias para executar dito proxecto de rehabilitación, garantindo en todo momento os procesos de información, transparencia e participación cidadá no deseño e execución da recuperación da Alameda.