As socialistas esixen ao Concello de Ourense investimentos en materia de patrimonio e educación

O Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno do Concello de Ourense do vindeiro venres unha moción para instar ao Concello de Ourense a realizar melloras no CEIP Manuel Luis Acuña que din, atópase “nun estado vergoñento” polas “actuacións improvisadas e ineficaces” por parte do Goberno municipal e a “falta de vontade da Xunta de Galicia”.
Neste senso, denuncian, o Goberno galego leva “tres anos de anuncios grandilocuentes” nos que “non hai nin obras, nin prazos, nin explicación”, e o acusa de intentar desmantelar a educación pública. Porén, no caso concreto do CEIP Manuel Luis Acuña, lembran que a responsabilidade do mantemento recae no Concello e que o centro presenta “baños apuntalados con pupitres, muros con risco de derrubamento e instalacións que se manteñen grazas á vontade do profesorado”. Por iso, esixen a súa renovación integral e cualifican de vergoñento que “un colexio público da terceira cidade de Galicia nenos e nenas estean a dar clase con frío e con risco para a súa seguridade”.
A situación, din, é “absolutamente intolerable para unha cidade que di apostar pola educación pública”. “As nais e pais levan meses —por non dicir anos— denunciando unha realidade que xa non se pode agochar: aulas pechadas por humidades, fiestras que non pechan, entrada continua de auga, problemas eléctricos e cortes de calefacción. Falamos de nenos e nenas de entre 4 e 12 anos que teñen que estar nas aulas e no comedor co abrigo posto porque non se pode garantir unha temperatura mínima digna.” explican as socialistas.
No que respecta ao Patrimonio, as socialistas defenden que o Concello “non pode seguir perdendo fondos do Goberno de España nin oportunidades histórica, como xa aconteceu coa Cadea Vella”. Por iso, instan Goberno municipal a que presente un proxecto serio para a renovación da antiga igrexa do Convento e San Francisco. Lembran que esta é a única peza que falta por renovar entre o arquivo histórico e a Biblioteca Nós e que agora mesmo está a sufrir o abandono do patrimonio histórico dun Ben de Interese Cultural desde 1951, situado nun enclave emblemático e que segue derrubado e valado.