As socialistas piden ao goberno de Pérez Jácome claridade sobre a ZBE

As concelleiras do PSdeG reclamaron ao executivo municipal que facilite á cidadanía o proceso de adaptación á nova Zona de Baixas Emisións (ZBE), que recentemente entrou en vigor e está a xerar confusión e dificultades na mobilidade urbana.
As edís denunciaron a “falta dunha sinalización clara e adecuada”, que axude a resolver as dúbidas dos veciños e veciñas, en lugar de “aumentar o desconcerto”. Así mesmo, cuestionaron cando se procederá á retirada dos parquímetros da ORA que xa non están en funcionamento, xa que non existe unha previsión clara nin respostas por parte do goberno local.
“Preguntamos cando se retirarán os parquímetros, que xa non funcionan, das rúas onde estaba activo o servizo da ORA, e a resposta foi que aínda non o saben. Tampouco hai claridade sobre quen asumirá a indemnización polo despedimento dos traballadores que xestionaban e controlaban este servizo”, alertou a concelleira Alba Iglesias tras a sesión da Xunta de Área de Seguridade Cidadá e Mobilidade celebrada esta mañá.