Barbadás acolle este domingo a representación da obra 'Miles Gloriosus'
A Casa da Cultura Manuel María de Barbadás acolle este domingo 2 de xuño, ás 19.30 horas, a representación da peza teatral 'Miles Gloriosus' a cargo do Grupo Teatro Muxicas da ONCE Ourense.
Sinopse
Pirgopolinices é o novo Miles Gloriosus, o rexente da cidade durante os próximos catro anos. Non todo o mundo está dacordo e ninguén ten moi claro como chegou ao posto.
Palestrión, membro infiltrado e Periplectómeno, líder da oposición, coa axuda de toda unha equipa, intentarán conseguir papeis confidenciais que axuden a condenar as actitudes de Pirgopolinices. A través dun burato feito entre as paredes dos dous despachos, Filocomasia tentará que non a descubran mentres pasa dun lugar a outro coa información para conseguir o que buscan.
Baseada na trama de enredo de Plauto, teatro Muxicas, pretende traer a escena unha realidade cómica moi presente nos nosos días. Nunca a política dera tanto espectáculo.