Barbadás adhírese ao protocolo da Xunta para previr a violencia no deporte

O Concello de Barbadás adhírese ao Protocolo da Xunta de protección da infancia e adolescencia fronte á violencia no deporte, unha iniciativa que ten como finalidade previr e detectar este tipo de condutas para erradicalas, fomentando así espazos seguros no ámbito deportivo.
A Concellería de Deportes de Barbadás dá, con esta adhesión, un paso á fronte na loita contra as distintas formas de violencia que poden producirse nas contornas deportivas, procurando garantir un ambiente seguro para a mocidade.
Este protocolo, aprobado pola Xunta a través do Observatorio Galego da Familia no mes de maio de 2024, é unha medida pioneira en Galicia e de cumprimento obrigatorio para os centros que desenvolvan actividades deportivas na comunidade, así como para as federacións e clubs.