Barbadás conta xa cun espazo para loitar contra as altas temperaturas
A nova lagoa de anfibios do Regato dos Muíños, en Barbadás, xa está lista para acoller aos seus novos habitantes. O proxecto ten como obxectivo loitar contra as altas temperaturas e foi un dos sete que subvencionou a Xunta de Galicia para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático.
Co fin de adiantarse aos efectos do quentamento global e que estes sexan o menos prexudiciais posibles para a cidadanía, o Concello de Barbadás solicitou á Consellería de Medio Ambiente esta subvención e elaborou un proxecto que inclúe tanto a reforma deste espazo público orientada á atenuación do efecto illa de calor urbana, como unha campaña de sensibilización para implicar á cidadanía na loita contra o cambio climático.
Máis en concreto, o espazo urbano escollido é o entorno da rúa Regato dos Muíños, na beira do río entre a travesía Tomás Rodríguez Punxín e a rúa da Presa, preto da zona de xogos infantís, no lugar de Vilaescusa.
Coa construción da lagoa tamén se pretende dar acubillo a especies de anfibios, que comezarán a chegar nos vindeiros días.