Barbadás entregará composteiros gratuitos para a veciñanza
O Centro Empresarial Transfronteirizo acollerá, o vindeiro mércoles 26 de xuño, unha sesión formativa sobre compostaxe doméstica que terá lugar ás 19:00 horas. A sesión finalizará coa entrega do material necesario (manual de compostaxe, composteiro e aireador) para levar a cabo a reciclaxe, en orixe, dos residuos orgánicos. É un evento aberto a toda a veciñanza de Barbadás que dispoña dun terreo cun mínimo de 50 metros cadrados no que instalar un composteiro.
O número de composteiros a repartir é limitado, polo que desde o concello instan a a aquelas persoas que desexen recibir un, a inscribirse previamente a través da web habilitada, reservando así o material.
Esta campaña, que incluirá un seguimento ao longo do ano 2024, conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.