Barbadás inicia os trámites para a renovación do muro de contención do Parque da Liberdade

OurenseXa
As obras contarán cunha inversión próxima aos 58.000 euros e solucionarán os problemas de seguridade desta infraestrutura, despois de que o pasado mes de maio se produciu un desprendemento na parte superior do muro
muro-parque-da-liberdade-barbadas
29 Jan 2026

O Concello de Barbadás puxo en marcha o proceso para contratar as obras de renovación do muro de contención do Parque da Liberdade, na Valenzá, unha intervención que prevé un investimento arredor dos 58.000 euros e que pretende resolver os problemas de seguridade detectados nesta zona verde.

O tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Daniel Rey, destacou que se trata dunha “obra moi necesaria por motivos de seguridade”, tras o desprendemento ocorrido no muro o pasado mes de maio. Despois dese incidente, o departamento técnico municipal ordenou o balizamento preventivo da zona e recomendou realizar un estudo para determinar as causas do colapso.

Ese informe foi elaborado por persoal técnico externo, que efectuou distintas catas no parque, na beirarrúa e no propio muro. As conclusións apuntaron a varios factores combinados, entre eles a altura da estrutura, a capacidade resistente insuficiente e a acumulación de auga na parte traseira debido a unha drenaxe deficiente, segundo explicou Rey.

A actuación prevista inclúe a retirada completa do muro actual, a mellora do drenaxe do terreo, a execución dunha nova cimentación e a construción dun novo muro de contención, ademais da reposición da zona verde afectada. O proxecto realizarase seguindo criterios técnicos que permitan reforzar a estabilidade do conxunto e aumentar a seguridade nun espazo moi frecuentado por veciños e veciñas de todas as idades.

⚙ Configurar cookies
0.08237099647522