Cancelado o 'Circuito de Baloncesto 3x3 no Camiño' por alerta de incendios

OurenseXa
A Deputación e a Federación Galega de Baloncesto destacan o éxito de inscricións da iniciativa e aseguran que buscarán retomar o torneo con sedes comarcais en canto as condicións sexan favorables e completamente seguras
presentacion-torneo-baloncesto-3x3-ourense
Imaxe da presentación do torneo
21 Aug 2025

Ante a situación de alerta provincial nivel 2 pola vaga de incendios forestais, a Deputación de Ourense e a Federación Galega de Baloncesto decidiron cancelar a celebración do “Circuito de Baloncesto 3x3 no Camiño”, previsto inicialmente en varias localidades da provincia.

O torneo, que fora aprazado previamente en Viana do Bolo debido á onda de calor, contaba con cinco sedes programadas: Xinzo de Limia, Carballiño, Allariz, Viana do Bolo e O Barco de Valdeorras. Con todo, ante o risco derivado dos incendios e en aplicación do principio de precaución e seguridade, a organización decidiu cancelar por agora a edición deste ano.

Desde a Deputación e a Federación destacan o éxito de inscricións da iniciativa e aseguran que buscarán retomar o torneo con sedes comarcais en canto as condicións sexan favorables e completamente seguras. Así mesmo, sinalan que a actividade terá continuidade nas próximas tempadas, dada a boa acollida entre os participantes.

O baloncesto 3x3, que se xoga con tres xogadores por equipo nunha única canastra, consolidouse como o deporte de equipo urbano máis popular do mundo e foi disciplina olímpica en 2020 e 2024.

⚙ Configurar cookies
0.17046618461609