Carme da Silva demanda ao Ministro de Transportes que habilite un Plan de Incidencias

OurenseXa
Desde o BNG explican que moitas das avarías están a producirse no cambiador de Taboadela
Carme da Silva, senadora do BNG
24 Ago 2024

A senadora do BNG, Carme da Silva, demanda ao Ministro de Transportes que habilite un Plan de Incidencias e de transporte alternativo para evitar que os usuarios e usuarias do tren padezan horas de espera en vías, en trens abarrotados ou en estacións, "como está a acontecer este mes de agosto cos retraso de servizos Vigo-Madrid ou Madrid-Ferrol".

O Ministro de Transportes, que compareceu no Senado, admitiu que, no caso de Galicia, ao problema do cambiador de ancho de vía en  Taboadela, únese o problema das múltiples deficiencias que teñen os trens Avril, ademais das obras na estación madrileña de Chamartín de ampliación da praia de vías.

“Dado que o Ministro dixo que durante un tempo as incidencias van continuar e pediu paciencia, o que lle esiximos é que canto antes dispoña dun Plan de Incidencias e de Transporte alternativo que priorice a atención aos viaxeiros e viaxeiras para que non sufran durante horas as consecuencias como estamos a ver. Un Plan que implique a posta en marcha automática dun protocolo que facilite os traslados noutros medios e a atención áxil para aminorar as molestias”, afirmou Carme Da Silva.  Se os problemas procedentes de Chamartín, das deficiencias dos trens Avril e do cambiador de Taboadela van seguir a causar incidencias, “queremos solución e medidas para rebaixar as consecuencias”.

A senadora do BNG esixe a Puente que “asegure a óptima operatividade dos trens do Eixo Atlántico ferroviario, de media distancia e Avant en Galicia para que non se repita o sucedido no curso pasado cun setembro cheo de retrasos e avarías. Impórtanos e preocúpanos que garanta a mobilidade diaria dos galegos e das galegas e que asegure a puntualidade dos trens do Eixo Atlántico. Unha puntualidade que para nós está ligada ao incremento das frecuencias. Unha cousa vai da man da outra”.

No que atinxe aos servizos de longo percorrido á Meseta, Carme Da  Silva defende que se axilicen as medidas contra Talgo porque ficou “claro que o material rodante, a serie 106, ten moitas deficiencias e así o recoñeceu o Ministro. Deben inspeccionarse de arriba a abaixo para garantir que fagan ben as manobras de cambio de vía en Taboadela e para acabar coas constantes avarías”.

Moitas das avarías están a producirse no cambiador de Taboadela. A rede interior de Galicia é de ancho ibérico. En Taboadela os trens cambian de ancho de vía (na meseta é de ancho internacional) e os trens Avril multiplicaron os problemas polas súas deficienciase que causan problemas nas manobras de cambio.

0.10190200805664