A Casa de Cultura Manuel María acolle a entrega dos premios do Certame Literario de Piñor
Os premios da edición número 27 do Certame Literario de Piñor de Narracións Breves entregaranse este sábado nunha xornada de exaltación das letras e a música galega que terá a Casa de Cultura Manuel María como escenario. A partir das 18.00 horas agárdanse as actuacións de Cantagalos, Cuncas do Son e Zoadeira, ademais da Banda de Música e Cultura de Galicia.
Que Piñor inspira a grandes escritores volveu a quedar demostrado neste certame literario que leva o nome desta parroquia de Barbadás e que organiza a Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia coa colaboración do Concello.
Na categoría A (maiores de idade) os gañadores son Xosé Alfredo Naz e Sandra Fernández. Na categoría de B (de 13 a 17) resultaron premiados Hugo Martínez e Iker Pérez, mentres que na categoría C (alumnado de primaria) foron galardoados Lois González e Álex González.
En total, repartiranse preto de 1.300 euros con dous relatos galardoados en cada categoría. O certame consolídase no tempo e cada vez son máis os participantes, tamén doutras provincias galegas. Este concurso naceu da man da mocidade de Piñor na década dos noventa para potenciar a literatura galega.