COGAMI Ourense impulsa unha nova acción formativa dirixida a persoas con discapacidade

COGAMI inicia en Ourense unha nova acción formativa de Monitor/a de comedor con manipulación de alimentos ao abeiro do programa Máis Emprego, impulsado pola Fundación "la Caixa" e o FSE Plus. Nesta formación participan 13 persoas (11 mulleres e 2 homes) con idades comprendidas entre os 36 e 59 anos, e procedentes dos concellos de A Pobra de Trives, Ourense, Barbadás, Pereiro de Aguiar, Ribadavia e Cartelle.
O curso, que se imparte en horario de 9.00 a 14.00 horas, consta de 40 horas de duración con data de finalización o 26 de marzo, e comprende contidos sobre Alimentación e nutrición na infancia; pautas a seguir na elaboración dos menús do comedor escolar; modelo de menú do comedor escolar; necesidades especiais como orixe étnica, alerxias e intolerancias alimentarias; dieta branda; técnicas culinarias e recomendacións para servir pratos, para comida transportada.
Outras materias que se tratarán nesta formación están relacionadas coa importancia das comidas do día, a actuación das persoas educadoras de comedor, introdución a primeiros auxilios e actuación ante situacións de emerxencia no comedor escolar ademais de manipulador de alimentos.
O programa de inserción sociolaboral Máis Emprego de COGAMI desenvólvese en Ourense, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Vigo co fin de lograr a inclusión laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social, como é o caso das persoas con discapacidade. O programa, financiado pola Fundación ”la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus, destaca por ofrecer formación especializada e itinerarios personalizados de inserción laboral, adaptados ás necesidades de cada participante.