COGAMI promove a captación laboral das persoas con discapacidade en Ourense

OurenseXa
A Asociación pon en marcha un curso de Acompañante de Transporte con Primeiros Auxilios en Ourense
cogami-curso-ourense
Curso de Acompañante de Transporte con Primeiros Auxilios impartido por Cogami
27 Nov 2024

COGAMI está a desenvolver en Ourense un curso de Acompañante de Transporte con Primeiros Auxilios, impartido nas instalacións do Grupo Academia Postal. Esta formación, cunha duración de 50 horas lectivas, realízase en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, e conta coa participación de 10 persoas, 7 mulleres e 3 homes, procedentes dos concellos de Ourense, Barbadás, O Carballiño, Ribadavia e O Irixo.

O curso está enmarcado no programa Máis Emprego, unha iniciativa cofinanciada pola Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo Plus. O obxectivo principal é ofrecer formación especializada orientada á mellora da empregabilidade de colectivos en situación de vulnerabilidade, como é o caso das persoas con discapacidade. Ademais, este programa promove valores como a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa na sociedade.

Máis alá da formación técnica, o programa inclúe talleres de alfabetización dixital, sesións de coaching individual, prospección empresarial e prácticas non laborais en empresas. Todo isto acompáñase do deseño de itinerarios personalizados que se axustan ás necesidades e expectativas de cada participante, tendo en conta as demandas do mercado laboral. Ademais, búscase a implicación activa das empresas no proceso de inserción laboral, co fin de que as persoas participantes poidan acceder ao mercado de traballo canto antes.

Con este tipo de accións, COGAMI reafirma o seu compromiso coa inclusión laboral das persoas con discapacidade, ofrecendo oportunidades reais de desenvolvemento persoal e profesional.

0.16784000396729