Comeza a campaña de vacinación da Gripe e a COVID para maiores de 80 na provincia de Ourense
A campaña de vacinación anual fronte a gripe e a covid continúa coa incorporación de novos grupos de risco. Entre a poboación xeral, salienta o das persoas de 80 e máis anos que non vive en residencias, que na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ascende a unha ‘poboación diana’ de preto de 35.000 pacientes.
Este colectivo de maiores poderá vacinarse no centro de cabeceira de Atención Primaria que lle corresponda segundo o seu centro de saúde habitual. Non terán que pedir cita, xa que están a recibir un sms no teléfono móbil coa data, hora e centro de cabeceira da súa zona.
A Área Sanitaria ten establecidos 11 centros cabeceira: Allariz, Bande, Castro Caldelas, Celanova, O Carballiño, Coles, Maceda, Ribadavia, Trives, Viana e Xinzo. Nos centros de saúde de Celanova e O Carballiño vacinarán en horario de mañá e tarde e nos demais en horario de 8:30 a 14:30 horas.
Ademais os maiores da Comarca de Monterrei poderán vacinarse no Hospital Público de Verín e os da Comarca de Valdeorras no Hospital Público de Valdeorras en horario de mañá e tarde. No que respecta á poboación diana dos centros de saúde da cidade: A Ponte, Nóvoa Santos, O Couto, A Carballeira, A Cuña, A Valenzá e Valle Inclán, terán habilitado o recinto de Expourense, en horario de mañá e tarde, para facilitarlles o rápido acceso, a comodidade das instalacións e a facilidade para o estacionamento.
Inmunodeprimidos, nos hospitais
Nesta fase da inmunización tamén se suman os doentes en situación de inmunosupresión, que no caso da Área Sanitaria os puntos de vacinación se habilitarán nos tres centros hospitalarios (Hospital Universitario de Ourense, Hospital Público de Verín e Hospital Público de Valdeorras), de luns a venres en horario de mañá.
Nesta primeira semana de vacinación, onde se calculan 1.190 pacientes de risco en toda a área sanitaria, terán que achegarse ata o Novo edificio de hospitalización do CHUO 900 pacientes, onde o punto de vacinación estará na aula de innovación (na planta 0); No que respecta ao Hospital Público de Verín -150 pacientes-, e o punto de vacinación estará no salón de actos, e no Hospital Público de Valdeorras- 140 pacientes- no vestíbulo principal do hospital. A estes enfermos se lles está a citar por teléfono de xeito individual.
Persoal dos centros sanitarios
Así mesmo, o calendario da campaña incorpora dende hoxe ao persoal que traballa nos centros sanitarios, tanto públicos como privados, nas oficinas de farmacia e nos servizos de emerxencias sanitarias.
No caso do persoal dos centros de saúde, a vacinación realizarase polos equipos de enfermería dos centros cabeceira de Atención Primaria, coma no caso das persoas de 80 e máis anos.
En canto ás/ós traballadoras/es dos hospitais, os servizos de Medicina Preventiva de cada distrito serán os responsables da dobre inmunización nos puntos habituais do Hospital Universitario de Ourense (Servizo de Medicina Preventiva do Edificio Santa María Nai e Aula de Innovación do Novo hospital), no Hospital Público de Verín (na sala de extraccións e no salón de Actos do Hospital) e no Hospital Público de Valdeorras (na Consulta de Medicina Preventiva e no punto de vacinación da planta principal do hospital).