Comeza o ciclo de cine «Mulleres» na Sede Afundación de Ourense

OurenseXa
A primeira proxección na Sede Afundación de Ourense será mañá, martes 9 de abril, a partir das 19.00 h, coa película "La verdad"
La Verdad 1
8 Abr 2024

Afundación, a Obra Social de ABANCA, dá inicio, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller o 8 de marzo, ao ciclo de cine «Mulleres» conformado por filmes nas que as temáticas, transversais e universais, son tratadas desde o punto de vistas das mulleres e nas que, nesta ocasión, se retratan as vidas de Maixabel Lasa, Fabienne Dangeville e Fern nas producións "Maixabel", "La verdad" e "Nomadland".

A primeira proxección na Sede Afundación de Ourense será mañá, martes 9 de abril, a partir das 19.00 h, coa película "La verdad" (Hirokazu Koreeda, 2019). Fabienne é unha das grandes estrelas do cinema francés, unha actriz que reina entre os homes, que a aman e a admiran, mais na súa vida persoal sofre grandes conflitos con Lumir, a súa filla. Lumir viaxa co seu marido e a súa filla a París cando xusto se publican as memorias da súa nai. O encontro non tardará en volverse enfrontamento, e aí sairán todas as verdades, axustaranse contas, falarase de amor e de resentimento.

As seguintes proxeccións serán o día 16 de abril con Maixabel (Icíar Bollaín, 2021) e o 23 de abril Nomadland(Chloé Zhao, 2020).

Esta actividade enmárcase na iniciativa solidaria «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) e que pretende levar produtos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. O acceso a cada unha das sesións de cinema será a cambio da entrega de produtos non perecedoiros, coa suxestión de achegar nesta ocasión conservas, leite, aceite de xirasol ou alimentos infantís.

0.190505027771