Deputación e Xunta reclaman ao Goberno Central máis financiamento para evitar sobrecustes no plan de regadío da Limia

OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Medio Rural, José González, mantiveron onte un encontro con representantes deste colectivo en Xinzo de Limia
regantes_A_Limia_Deputacion_Ourense
2 Feb 2024

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia reclaman ao Goberno Central un esforzo adicional no financiamento da modernización do regadío da Limia para evitar sobrecustes aos regantes. Así o reiteraron onte o presidente provincial, Luis Menor e o conselleiro do Medio Rural, José González, nun encontro que mantiveron cos representantes dos regantes na capital da bisbarra, Xinzo de Limia, no que tamén participaron os alcaldes dos concellos beneficiarios deste proxecto: Xinzo de Limia, Amador Díaz;  Porqueira, Susana Vázquez, e Trasmiras, Emilio Pazos.

O presidente provincial salientou que a comarca da Limia é “un dos territorios de maior produción agraria de Galicia” que precisa “unha ampliación e mellora do seu sistema de regadío”. Un plan no que están involucradas diferentes administracións (Goberno Central, Autonómico e a Deputación de Ourense) e que nestes momentos se atopa no proceso de captación da auga para a execución da canalización da mesma.

O Goberno Central “pretende que sexan os regantes os que deben asumir o custe do IVE desta obra, unha cantidade que resultaría inasumible para os profesionais do sector”, apuntou Luis Menor. Ante esta situación, a Xunta e a Deputación propoñen que a achega económica do IVE para o plan de regadío da Limia se faga a través da mesma estrutura de financiamento que contempla o convenio: 80 % asumido polo Goberno Central e o 20 % financiado polos regantes. “Dado o noso compromiso total coa comunidade de regantes e sendo conscientes da importancia do seu traballo, estamos dispostos a asumir entre a Deputación e a Xunta ese investimento do 20 % que lle correspondería, nunha nova vontade de lograr a mellor solución posible para o noso sector agrogandeiro”.

40 pozos e sistema de bombeo 

Nesta mesma liña, o conselleiro de Medio Rural manifestou de novo o apoio da Xunta aos regantes e a este proxecto, xa referendado nun investimento de case 7 millóns de euros con fondos propios do goberno autonómico que permitiu instalar corenta pozos e o sistema de bombeo -instalacións que visitaron José González e Luis Menor-. Ao mesmo tempo, amosou a súa preocupación pola orientación financeira establecida polo Ministerio de Agricultura a esta iniciativa, “que claramente prexudica os intereses deste colectivo”.

Así, lembrou que os regantes tiñan, en principio, a perspectiva de afrontar o 20 % dun orzamento inicial de 15,9 millóns de euros mais IVE, que foi o importe polo que se firmou o primeiro convenio. Porén, coa segunda addenda, o custo da modernización vaise a un total de 35 millóns de euros máis o correspondente IVE.  Ademais, José González advertiu que a esta cantidade téñense que engadir unha serie de custos adicionais que terán que afrontar os regantes, entre os que destacan os custos financeiros do aval que se require para a execución do proxecto, que supoñen preto de 2 millóns de euros máis.

Este escenario, lembrou o conselleiro, tradúcese en que Goberno hoxe está a asumir o 80% da actuación (28 millóns), e os regantes terían que desembolsar o restante 20% (7 millóns), xunto co IVE e os custes financeiros da operación.

O conselleiro lembrou que o investimento actual para o regadío da Limia é apenas o 1,5% da partida prevista polo Goberno central neste Plan para toda España (2.344 millóns de euros), e que Galicia, polas súas condicións, só ten o regadío da Limia como potencial beneficiario do programa de modernización.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17587304115295