Destínanse máis de 200.000 euros en axudas para actividades escénicas e musicais na provincia de Ourense

OurenseXa
A iniciativa ten como obxecto o financiamento parcial de actividades artísticas realizadas por persoas ou agrupacións
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, xaneiro de 2025
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
13 Jan 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns a convocatoria de subvencións para o fomento de actividades escénicas e musicais de 2025. Unha iniciativa anual que ten como obxecto o financiamento parcial de actividades artísticas realizadas por persoas ou agrupacións.

A contía total máxima para estas axudas é de 210.000 euros. O importe subvencionable é do 50% do custo de cada actuación, correspondéndolle ao promotor da mesma o pago do 50% restante.

No marco destas axudas, as bandas de música poderán recibir 900 euros por cada actuación, tendo en conta ademais o número de membros do grupo cun límite máximo de cincuenta músicos. Para grupos de gaitas de ata 5 compoñentes a axuda será de 300 euros. As bandas de gaitas con máis de 5 compoñentes terán 300 euros, máis outros 25 por cada compoñente que exceda de cinco e ata un tope de 25 membros.

As charangas de ata dez compoñentes poderán contar con 500 euros e con máis de dez membros a axuda pode ser de 650 euros. Esta mesma cantidade tamén está prevista para orfeóns e corais e rondallas e tunas. Para os grupos de rock, folk, jazz, pop e similares prevese 900 euros e para grupos de danza folclórica, teatro, magos, pallasos e malabares ata 600 euros.

Esta convocatoria intégrase no Plan estratéxico de subvencións da Deputación para o período 2024-2027, contribuíndo ao fomento de actividades culturais e recreativas na provincia, con especial atención ás artes escénicas e musicais.

 

0.17830491065979