O PP denuncia que Transportes segue sen data para a licitación do primeiro tramo da A-76 Ourense-Ponferrada

O 14 de xaneiro de 2025, os deputados ourensáns do GPP, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, e as deputadas leonesas Ester Muñoz de la Iglesia e Silvia Franco, rexistraron varias preguntas no Congreso dirixidas ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (MITMS) para impulsar a execución dos tramos da autovía A-76 entre O Barco de Valdeorras e Ponferrada.
Agora, desde o PP denuncian que desde o Ministerio de Transportes a resposta foi que "se estaba a traballar na redacción do proxecto", refiriéndose ao tramo entre Villamartín de la Abadía e Requejo, mesma situación na que, segundo a resposta do Ministerio, se atoparían os tramos entre Requejo e A Veiga de Cascallá e este último con O Barco de Valdeorras.
Os populares califican de "absoluta decepción" que o Ministerio de Transportes non teña aínda unha data concreta para a licitación destes tramos e acúsano de "incumprir compromisos" e de "desprezar" aos veciños das comarcas de Valdeorras e o Bierzo "que seguen comunicándose hoxe por unha estrada nacional 120 que está absolutamente superada".
Lembran que a autovía de unión entre Ponferrada e Ourense, entre o Bierzo e Galicia, foi considerada como prioritaria pola patronal das empresas construtoras, SEOPAN, nun recente informe da enxeñería SENER sobre as “actuacións a acometer polo Estado no horizonte de execución temporal 2024-2035”. E entre os proxectos de estradas inclúese a construción da autovía A-76 que tería 125 quilómetros de lonxitude, 1.353 millóns de euros de investimento e 609 millóns de euros de mantemento. Dito estudo valora os beneficios sociais desta autovía para un período de 30 anos en 1.470 millóns de euros, que se repartirían entre un 82 % correspondente ao aforro de tempo para os usuarios, un 4 % de redución de custos e un 14 % de aforro ambiental.