Entra en funcionamento a nova Oficina Única Virtual de Atención ao Cidadán da provincia de Ourense

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Trátase dunha plataforma integrada que permite á cidadanía dirixirse á Deputación mediante teléfono, correo electrónico, SMS, web, WhatsApp ou redes sociais
pazo-provincial-deputacion-de-ourense-recurso
Pazo Provincial da Deputación de Ourense
26 Feb 2025

A Deputación de Ourense pon en marcha a Oficina Única Virtual de Atención ao Cidadán (OUVAC), unha plataforma integrada que permite á cidadanía dirixirse á Deputación a través de diferentes canles de comunicación. Deste xeito, calquera cidadán pode solicitar información mediante teléfono, correo electrónico, SMS, web, WhatsApp ou redes sociais.

Este novo sistema permite recibir preguntas, solicitudes e outras cuestións de interese a través das citadas canles. Tamén, a través da web da Deputación de Ourense, durante as 24 horas do día, pódese acceder á citada oficina.

A OUVAC é unha plataforma integrada, na que se contestará ao cidadán utilizando a mesma canle que se usou en orixe.

Apoiada en intelixencia artificial

Unha das vantaxes desta oficina, tal e como sinalan desde a Área de Transparencia e Goberno Aberto, é que está apoiada en intelixencia artificial, de cara a facilitar unha resposta máis áxil ao cidadán.

Un ‘chatbot’ instalado na web da Deputación, con respostas automáticas, permite recibir peticións e informar do estado das mesmas as 24 horas do día.

“Melloramos a comunicación co cidadán, facendo máis áxil e simple a atención”, sinala Marcos Valiño, director da Área de Transparencia.

O proxecto OUVAC está financiado pola Unión Europea a través dos fondos “NextGenerationEU”, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

⚙ Configurar cookies
0.17842292785645