Expertos no sector agrario reúnense en Coles no V Foro de Innovación Produtiva

OurenseXa
O Pazo de Fontefiz acolle a presentación de dez iniciativas relacionadas con este eido, nas que se abordan novas técnicas innovadoras e novidosas co fin de mellorar a competitividade e a calidade das producións galegas
foro-innovacion-productiva-coles
V Foro de Innovación produtiva en Coles
27 Mar 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración da penúltima xornada do V Foro de Innovación produtiva do sector agrario que se está a celebrar hoxe no Pazo de Fontefiz, no concello ourensán de Coles.

Durante a súa intervención, Alemparte incidiu na importancia de introducir técnicas innovadoras e novidosas na agricultura, co fin de mellorar a competitividade e a calidade das producións galegas. Así, sinalou que os consumidores buscan produtos de calidade, respectuosos co medio ambiente e co benestar animal, mentres que os produtores demandan, ao tempo, rendibilidade e comodidade.

Neste sentido, remarcou que as novas tecnoloxías que se están a desenvolver neste sector son ferramentas clave para afrontar os retos da sustentabilidade, dixitalización, eficiencia e de benestar animal que se lle esixen ao sector.

Este V Foro estrutúrase nun total de catro xornadas. A primeira tivo lugar na Cidade da Cultura o pasado día 27 de febreiro e contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez. A segunda xornada desenvolveuse na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, en Pontevedra, que estivo centrada na viticultura e enoloxía.

A de hoxe, no Pazo de Fontefiz, pon o foco na agricultura. Ao longo da mañá desenvolverase a presentación de dez iniciativas relacionadas con este eido, nas que se aborda a agricultura de precisión ou a utilidade das variedades autóctonas como alimentos funcionais a través de cultivos sustentables; así como técnicas innovadoras aplicadas a este eido e as novidades no sistemas de cultivo, a sustentabilidade ou o aproveitamento da auga.

A última xornada terá lugar o vindeiro 11 de abril no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo (Lugo). O obxectivo desta iniciativa de Medio Rural é dar a coñecer ata 35 diferentes proxectos que buscan resolver os problemas do presente e do futuro deste eido produtivo. Ademais, nalgúns deles están presentes os centros de investigación dependentes da Consellería.

⚙ Configurar cookies
0.11104798316956