Fernando Dacosta, director da MITEU: “a cultura ten que estar ao servizo da xente”

Por Raquel Pérez
A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, un dos eventos culturais máis destacados no calendario da cidade, regresa un ano máis para celebrar a súa trixésimo primeira edición, cun programa composto por unha vintena de espectáculos que se desenvolverán entre o 23 de abril e o 8 de maio, e que porán voz a algúns dos principais conflitos do mundo actual. O xenocidio do pobo palestino, a represión en Latinoamérica, a escalada do fascismo e a revolta feminista serán algúns dos temas que se aborden nesta edición na que, coma sempre, tamén haberá espazo para a diversión.
O seu director, Fernando Dacosta, salienta o carácter reivindicado desta mostra, do teatro, e da cultura en xeral, e conta como foi evolucionando ao longo dos anos e como, hoxe en día, segue manténdose a pesar de non contar, desde 2020 e coa chegada de Gonzalo Pérez Jácome á alcaldía, co soporte e apoio que supoñía o Concello de Ourense.

Como naceu a idea de facer unha mostra de teatro universitario en Ourense?
A idea xurdiu en 1994 cun acordo entre varios directores e directoras de aulas de teatro para facer unha mostra galega de teatro universitario. Nese momento a Aula de Teatro de Ourense estaba dirixida por Ángeles Cuña. Ao ano seguinte, no 95, eu asumín a dirección da Aula e a mostra, que como digo facíase entre varios campus a nivel autonómico. No 96 presentei un proxecto, xa baixo as siglas da MITEU, só que en lugar de ser Mostra Internacional de Teatro Universitario era Mostra Ibérica de Teatro Universitario e, ao ano seguinte, cambiamos Ibérica por Iberoamericana. Como ves, a I é polivalente. Logo xa empezaron a chegar grupos de países como Italia ou Hungría, e pasou a ser “Internacional”.
Como evolucionou o festival ao longo destes 31 anos?
Pois pasou por moitas fases desde a primeira que se celebrou no Liceo, até o día de hoxe. O Liceo estivo con nós desde o principio, logo foron sumándose o Teatro Principal e outros espazos. Ao principio, ademais, a organización era un pouco máis custosa, tiñamos que contactar cos grupos por carta, vendendo entradas desde locutorios...non había os medios que hai hoxe en día. Cos anos fomos medrando, de feito houbo anos que chegamos a contar con trinta espectáculos, e o Auditorio tamén se sumou como espazo para acoller a mostra. Agora, desde 2020, tivemos que facer unha necesaria redución logo de que o Concello de Ourense decidise deixar de colaborar. Non nos deixan usar ningún dos espazos municipais, nin o auditorio nin ningún sitio que pertenza ao Concello...polo menos podemos seguir usando as rúas. Pero hai que ter en conta que esa censura por parte do actual alcalde non afecta só aos espazos, ao final perdemos a subvención e tamén a venda da billetería do auditorio, así que vímonos obrigados a deixar de facer algunhas cousas que viñamos facendo, como un libriño impreso sobre o festival, retirar os premios que entregábamos e reducir un pouco a programación. Mantémonos grazas ao apoio da Universidade de Vigo, da Xunta e da Deputación de Ourense.

Que podemos esperar desta edición?
Pois este ano contamos con vinte espectáculos de teatro e danza e esperamos que aqueles que se acheguen atopen o seu lugar nalgún deles, que lles guste e que lles mova algo. Por exemplo, no aspecto internacional, ademais de Portugal, que intentamos que teña presenza todos os anos, tamén vén un grupo de Perú que traerá dous espectáculos, un de teatro e outro de danza, e que nos contarán aspectos moi interesantes da súa realidade e da de Latinoamérica en xeral, cunha fonda reflexión sobre a represión que se está a vivir por parte de Estados Unidos. Tamén, gracias a Teatro del Barrio, contaremos cun espectáculo palestino, que neste caso estará subtitulado, no que se afondará dunha forma moi directa do xenocidio que sofre o pobo palestino. Ademais, haberá un espectáculo de danza que, precisamente, presentará unha danza palestina, así como un concerto e teatro enfocado a reflexionar sobre o ascenso do fascismo. Por suposto, tamén haberá espectáculos máis brancos.
Ademais, este ano, por primeira vez, abrimos o apartado ‘Elas Contan’, para poñer en valor o papel da muller na sociedade e procurar, modestamente, darlle un pulo á revolta máis importante do noso século, que é loita feminista e que vai incluso máis aló da loita contra o patriarcado: é unha revolta contra o capitalismo máis brutal e o fascismo que asola a nosa sociedade. Pensamos que é unha forma de dar maior visibilidade á súa presenza, nunha edición onde, ademais, máis da metade das directoras son mulleres.
Máis aló do seu papel dentro do teatro e a cultura, a MITEU ten tamén un aspecto reivindicativo, de loita social.
Si. Entendemos que a cultura ten que estar ao servizo da xente e que é a nosa responsabilidade intentar facer, modestamente, a través do noso traballo, unha sociedade máis vivible, e iso moitas veces vén grazas ao coñecemento e a ver outras realidades. O que máis pena dá da perda de orzamento da que falábamos antes é, precisamente, perder a posibilidade de traer a grupos que poidan achegarnos as súas realidades. Aínda que dentro da mostra sempre hai espectáculos pensados para que o público simplemente desfrute, entendemos que ten que haber un discurso que chegue a cantas máis persoas mellor.
Como seleccionades aos grupos?
A nivel universitario a organización funciona a modo de intercambios a través das aulas de teatro. Por outra parte, no que ten que ver cos grupos internacionais, seleccionamos entre as propostas que nos chegan, se o orzamento o permite, e analizamos as que son viables. Ás veces temos que elixir e dicir que non. Respecto ás compañías convidadas funcionamos por contactos que se van creando entre os nosos alumnos das aulas e tamén grazas a ter detrás o soporte de Sarabela.

Ourense é terra de teatro, con varias mostras e festivais de gran nivel. Que fai especial á MITEU?
A mestura entre teatro universitario e profesional. A nosa referencia, salvando as distancias, era o festival de Aviñón e esa forma na que ocupaban diversos espazos da cidade, como reunían teatro amador con teatro máis profesional...pareceunos moi interesante e fomos tomando exemplo. De feito unha das cousas que máis me gustaría facer é recuperar o Ourense Invisible e levar o teatro a lugares e espazos da cidade descoñecidos... patio, recunchos... é algo que me encantaría facer algunha vez.
Que expectativas tedes para esta edición?
Sempre temos ese medo de captar ou non espectadores, aínda que tamén teño que dicir que, ás veces, hai espectáculos máis pequenos con 50 espectadores nos que se crea unha atmosfera incrible. Pero a nos intención é intentar manter a media que viñamos tendo nos últimos anos, con ao redor dos 200 ou 250 espectadores por espectáculo.
Que lle dirías á xente para animala a asistir ao teatro?
Diríalle que probe, que moitas veces pódese pensar, “a min iso non me vai gustar”, pero o certo é que o teatro ofrece infinitas posibilidades. Hai espectáculos de todo tipo, tamén na MITEU, seguro que hai algún co que se vaian sentir identificados. Gustaríame que a xente atope nalgunha das funcións o seu lugar, o seu espazo. Que teña esa catarses de ver colectivamente algo que lles transforme.