'Free Lusquiños' organiza este luns un concerto para pedir a reapertura deste espazo cultural

OurenseXa
Os rapaces e rapazas de 'Free Lusquiños' logran reubicar o concerto previsto para este luns tras o veto do Concello de celebralo na rúa do Paseo
Os socialistas ourensáns nun encontro con representantes do movemento 'Free Lusquiños'
15 Xul 2024

Os rapaces e rapazas do movemento 'Free Lusquiños' organizan este luns un concerto para recoller firmas para a reapertura do Espazo Lusquiños, pechado dende fai máis dun ano.

Nun primeiro momento, a celebración deste concerto estaba prevista na céntrica rúa do Paseo de Ourense, pero tras o anuncio do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome,  de que a institución municipal denegaba a solicitude de autorización para a ocupación de espazo público, os organizadores víronse obrigados a ter que buscar un novo lugar para levar a cabo a actividade.

Agora, o concerto, que dará comezo ás 19.00 horas e será de carácter gratuíto, trasládase ao local Antigua o’ Renque, a carón do campus universitario.

Ademais, ao longo da tarde, os integrantes de ‘Free Lusquiños’ estarán recollendo sinaturas na Praza Maior, na rúa do Paseo e no Parque de San Lázaro.

Cabe lembrar que xa o pasado mes de marzo, o rexedor advertía que non permitiría ningún tipo de celebración na céntrica rúa ourensá, unha das máis transitadas da cidade, ao considerar que non é o espazo idóneo para ningún tipo de celebración.

Pérez Jácome, explicaba tras anunciar o veto a esta actividade que “a rúa do Paseo non é un espazo axeitado para actividades que supoñan unha grande concentración de xente. Estes eventos deben ser derivados a parques ou prazas da cidade, como xa ocorreu coas feiras da artesanía ou do libro e outros de similares características”. Detalla o rexedor que “este é o criterio que vimos mantendo desde hai tempo, a través dunha providencia que establece os criterios para a autorización nas zonas máis transitadas da cidade e nas vías de tránsito peonil preferente”

O certo que a reapertura do espazo Lusquiños é algo co que o Goberno Municipal non está de acordo, tal e como o fixo saber o propio alcalde no pasado pleno de xullo, cando referiuse a este centro, pechado desde fai máis dun ano, como una "trapallada".

O espazo, creado en 2015, reabriu as portas en xuño de 2022 tras a pandemia, pero o Goberno Municipal decidía pechalo uns meses máis tarde, prometendo que ía a reformulalo e que o reabriría proximamente. Algo que, finalmente, non pasou.

 

0.19968199729919