Jácome anuncia novos cambios nos autobuses a partir de marzo

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anuncia novidades nas liñas de autobús a partir do mes de marzo de 2026 cando está previsto que se incorpore unha nova empresa concesionaria da xestión do servizo de autobuses.
Nese mes, explica o rexedor, tamén rematarán as obras de reforma da avenida de Portugal e da rúa Alejandro Pedrosa, que permitirán poñer en marcha unha nova liña circular, “vital para mellorar a mobilidade na cidade”.
Ademais, ese mesmo mes está previsto aumentar de 38 a 40 o número de autobuses que circularán de forma simultánea pola cidade, e “estará operativa unha nova aplicación que permitirá facer seguimento de todos os vehículos en tempo real e se solucionarán aqueles detalles que sexan precisos para que o servizo sexa perfecto”. Por último, o alcalde reiterou a súa intención de instaurar a gratuidade do servizo na que asegura que o seu goberno xa está a traballar.
Segundo Jácome, o novo mapa do trasporte está a ser “un éxito”, en contraposición coas numerosas críticas recibidas dende a oposición, especialmente por parte do PSOE e do BNG, e dos numerosos cambios introducidos dende a posta en marcha das novas liñas, que en tan só un mes viron modificadas as liñas en máis de cinco ocasións.