Jácome despreza a folga e acusa aos traballadores de querer "ampliar unha ponte de fin de semana”

OurenseXa
O alcalde acusa aos sindicatos con representación no Concello de facer “unha folga de mala fe e con picaresca" que, segundo opina, “realmente deixa en moi mal lugar a estes sindicatos”
Gonzalo Pérez Jácome
Gonzalo Pérez Jácome
17 Out 2024

Pese a que folga de traballadores do Concello de Ourense foi anunciada fai varias semanas, o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, non se pronunciou oficialmente ata este xoves.

Os traballadores do Concello veñen tempo denunciando tratos discriminatorios e denuncias de acoso por parte do alcalde, o que, xunto coa postura do alcalde respecto ao plan de estabilización e “o seu proceder continuo respecto á política de persoal dos últimos 5 anos”, levounos a convocar unha inédita folga de persoal os días 31 de outubro e 4 de novembro.

O alcalde, sen embargo, acusa aos sindicatos con representación no Concello de facer “unha folga de mala fe e con picaresca que realmente deixa en moi mal lugar estes sindicatos”.
Segundo el, e na liña de críticas cara aos funcionarios do Concello, “convócase os días 31 de outubro e 4 de novembro, co que o que estás facendo é ampliar unha ponte de fin de semana”, ao ser as datas inmediatamente anterior e posterior ao venres, 1 de novembro, día festivo e a fin de semana do sábado 2 e o domingo, 3 de novembro.

Di que “anuncian 2 días de folga cando en realidade só será 1, xa que por convenio a metade do persoal do Concello non traballa o día 31 de outubro e a outra metade non traballa o 4 de novembro”. Deste xeito, advirte o alcalde que “o que non estea de vacacións, irá á folga, co cal, cun só día de folga, paralizan o Concello dous”.

Argumenta tamén o rexedor que “cando vas á folga tes que pagar un prezo: perder o soldo. Neste caso, anuncian 2 días e só perden 1, xa que o outro día xa o teñen de vacacións”. Entende ademais Pérez Jácome que os sindicatos “aproveitan que o Concello ten pouca xente eses días porque xa falta a metade do persoal, polo que o seguimento da folga parecerá moito maior do que sexa en realidade”.

Finalmente, o alcalde cualifica de “cuarta maldade” por parte dos sindicatos que “intentan que a folga afecte a un día clave, xa que o día 31 é a xornada dos preparativos do día grande dos cemiterios”, que é a celebración de Todos os Santos (1 de novembro), “coa finalidade de que ese parón do 100% a noten os cidadáns” nas súas visitas aos camposantos municipais.

0.19387006759644