Jácome veta aos medios gráficos nos plenos

OurenseXa
O alcalde anuncia que a toma de imaxes nas sesións plenarias só poderá facerse durante os primeiros cinco minutos
Gonzalo Pérez Jácome
Gonzalo Pérez Jácome
26 Nov 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acaba de anunciar un novo veto aos medios de comunicación no Concello, neste caso contra os xornalistas gráficos, aos que só permitirá traballar durante os cinco primeiros minutos dos plenos.

A medida chega tras unha nova confrontación provocada polo rexedor contra un xornalista gráfico que estaba gravando durante a sesión plenaria deste martes, ao que o alcalde cualificou de “paparazzi” a modo de insulto e nun ton claramente despectivo cara quen estaba realizando o seu traballo. A partir de agora, os plenos só poderán seguirse a través da plataforma Vimeo do Concello.

Esta non é a primeira vez que o alcalde veta aos medios. Hai aproximadamente un ano, en decembro de 2024, o rexedor anunciaba a suspensión das roldas de prensa e substituíanas por “roldas informativas” nas que a comunicación é unidireccional e a única forma de facer preguntas é a través dunha canle de WhatsApp, onde se poden deixar comentarios e onde é o propio rexedor quen decide cales son máis axeitados para responder. Porén, a última rolda informativa da que hai constancia na propia plataforma Vimeo do Concello data precisamente de decembro dese ano, coincidindo coa presentación do programa de Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.080529928207397