Jácome volve deixar á cidade de Ourense sen presenza en Fitur

OurenseXa
Segundo o alcalde, a Feira Internacional de Turismo é “irrelevante” e asegura que “os vídeos que fixemos das termas con Noa Rouco ou Omar Montes” deron a coñecer a cidade “mil veces máis que Fitur”
Ourense-casco-hitorico-recurso
19 Jan 2026

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, confirmou esta mañá que o Concello non participará na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se desenvolverá esta semana en Madrid, deixando un ano máis á cidade sen presenza no evento sobre turismo máis importante do ano a nivel estatal, ao que si acudirá a Deputación de Ourense.

Para Jácome, Fitur é “unha trampa” e “un despilfarro de recursos humanos e económicos”. O alcalde considera a feira “irrelevante” xa que, segundo el, “non ten ningunha incidencia, a favor ou en contra, para o turismo”.

Para o rexedor, que se congratula de levar cinco anos sen asistir á feira, o turismo creceu na cidade grazas á “incorporación de máis de 600 pisos turísticos”. “Será o quinto ano consecutivo que non acudimos e neste tempo, as visitas disparáronse tanto en número de viaxeiros como en pernoitas”, asegura.

Jácome carga contra Fitur ao consideralo un evento “endogámico”. “O que se lle propón ás cidades é ir ao pavillón de Galicia para facer unha presentación de media hora á que só asisten veciños de Ourense ou coñecidos; non vai o gran público, así que non ten sentido facela”, argumenta.

Para o rexedor, Fitur é un evento “endogámico”: ademais, engadiu, “chamámoslle a atención como a Xunta de Galicia nos discrimina”, e recordou que “o último ano que fomos a Fitur, cando chegou o AVE a Ourense, o lema do stand autonómico era 'Ven a Santiago'. Foi unha broma”.

O alcalde entende que “ás persoas cidadás chéganlles doutro xeito” e pon como exemplo “os vídeos que fixemos das termas con Noa Rouco ou Omar Montes, chegaron a millóns de persoas”, referíndose a dous vídeos que se fixeron virais nas redes sociais e dos que o alcalde se xacta asegurando que “deron a coñecer o nome de Ourense quizais mil veces máis que Fitur”. Ademais, destaca o peso de eventos como o Entroido, “que cada ano vai a máis” e a importancia do “boca a boca” para que a cidade siga gañando posicións como destino turístico.

⚙ Configurar cookies
0.08275318145752