Luis Menor apela á colaboración público-privada para “facer o Camiño xuntos e potenciar a Vía da Prata”
O Centro Cultural Marcos Valcárcel albergou na tarde de onte a clausura do Ciclo adicado ao Camiño Meridional ou Mozárabe, organizado conxuntamente pola UNED en Ourense e Zamora. Ademáis dos directores de ambos centros da Universidad Nacional a Distancia de España, Jesús Manuel García e Antonio Rodríguez, respectivamente, participaron no acto de clausura os presidentes das deputacións de Zamora e Ourense, Javier Faúndez e Luis Menor, respectivamente. A conferencia que pechou este ciclo correu a cargo de César Pichel, que levou por título “Ourense, o corazón do Camiño Meridional”.
O presidente provincial, Luis Menor, agradeceu á UNED a súa iniciativa de poñer en marcha un ciclo “que nos fixo reflexionar, analizar e, sobre todo, sentar as bases dunha futura colaboración ao redor deste camiño Xacobeo que une a dúas provincias irmás como son Zamora e Ourense”. Do mesmo xeito, agradeceullo ao seu homólogo, Javier Faúndez, a súa vontade e disposición a que ambas provincias cooperen activamente “e que nos entendamos a favor dos nosos territorios”.
Explicou Menor que a razón de ser das deputacións “é a defensa dos nosos territorios, e vertebrar esa posta en valor a través do Camiño é sempre un acerto”. De feito, lembrou que nos últimos días constituiuse na institución provincial a Comisión de Municipios da Vía da Prata, á que asistiron alcaldes, técnicos e representantes dos 28 municipios ourensáns polos que discorre a Vía da Prata, “e onde puidemos comprobar o alto grao de interese en potenciar este Xacobeo e nas ganas de facer Camiño xuntos que todos temos, polo que é preciso implicar a todas as entidades, públicas e privadas, para potencialo”.
Apoio dun autobús nas fines de semana
Precisamente, Menor sinalou que a Deputación continuará a traballar a prol de potenciar o Camiño Mozárabe e anunciou que do 23 de maio ao 23 de xuño, así como do 15 de setembro ao 13 de outubro, desde a Deputación de Ourense, a través do Inorde, facilitarase a peregrinaxe a Compostela co apoio dun autobús durante as fins de semana. “E, por suposto tamén seguiremos potenciando a outra gran singularidade da Vía da Prata: a súa conexión co AVE, tanto coa cidade como coa Gudiña, ambos os puntos crave para lograr a acreditación, tanto a pé como en bicicleta”, concluiu o presidente provincial.