Luis Menor destaca a achega de 28 millóns de euros aos concellos no balance do seu ano de goberno
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, fixo un balance do seu primeiro ano de goberno provincial, do que destacou como o fito máis importante o novo modelo de financiamento que, en dous exercicios (23-24) vén de achegar 28 millóns de euros ás entidades locais, “cifra nunca alcanzada e sobre todo con liberdade e autonomía de planificación para os concellos”.
Incidiu Luis Menor no aspecto económico sinalando que os orzamentos aprobáronse en tempo e forma, ademais de dúas modificacións de crédito, e en todos os casos con amplo consenso. “O compromiso de que a Deputación ten que ser o concello dos concellos cumpriuse”, subliñou.
Non só referiuse á cooperación local, senón que tamén apuntou á colaboración con entidades, capítulo no que destacou a apertura de novas liñas de axudas, como as destinadas para Protección Civil, Anpas de centros escolares; protectoras de animais; e os conservatorios de música.
Para o presidente da Deputación, este balance dun ano de goberno demostra “que somos coherentes e consecuentes” coa folla de ruta marcada ao comezo do mandato.
Diálogo e acordos
Nesa liña de traballo remarcou sentirse orgulloso de que “esta sexa unha corporación na que se dialoga e se chega a acordos, aínda que se discrepe”, citando expresamente o apoio do grupo provincial socialista, a través da súa abstención, ao Plan CooperOU, dotado neste ano con 17 millóns de euros e baseado en criterios homoxéneos de repartición.
En relación a este acordo, Luis Menor afirmou que “ogallá Ourense sexa un exemplo de ruptura coa polarización que vivimos na política nacional”, engadindo sentirse orgulloso de que “a Deputación non sexa un problema para ninguén e si unha axuda para moitos”.
Asegurou, ademais, que "desde o goberno provincial manterá a firme defensa dos intereses de Ourense, sendo reivindicativo con todo o que sexa de xustiza para a provincia ante calquera administración".
Presenza no territorio
Luis Menor tivo unha mención especial para Valdeorras, onde a institución provincial abriu o pasado ano unha delegación no espazo cedido pola Xunta de Galicia na Casa Grande de Viloira. A comarca, dixo, estivo moi presente na política da Deputación “cunha mensaxe de discriminación positiva”, falando cos alcaldes e representantes de todos os ámbitos da sociedade valdeorresa.
Unha presenza no territorio que Menor enfatizou destacando a participación da Presidencia e dos deputados do grupo de goberno en case 1.000 actividades, fosen propias da Deputación ou actos organizados por outras institucións ou entidades, 400 das cales corresponderon ao presidente. “Seguiremos esta liña porque o compromiso é estar no territorio”.
Durante a presentación do balance deste primeiro ano de goberno, o presidente provincial repasou as iniciativas desenvolvidas en áreas como o termalismo, “cunha intensa implicación pero no que aínda queda camiño por facer”.
Destacou tamén “o compromiso social da Deputación” con iniciativas en emprendemento, igualdade e pulo a construción e mellora de residencias para maiores, citando os recoñecementos recibidos por parte da Deputación en proxectos como a “Administración por Voz” ou para o II Plan de Igualdade da institución.
Fondos europeos, infraestruturas e colaboración institucional
No tocante a fondos europeos referiuse ao proxecto “OU-intelixente”, a segunda mellor proposta de España e a mellor de Galicia para dixitalizar a xestión do ciclo da auga, cunha achega europea de 7,75 millóns de euros.
Apuntou ademais o 4,5 millóns, un 25 % máis, destinados ao mantemento e renovación dos 1.850 quilómetros de estradas que integran a rede provincial e ratificou que o servizo de recollida de residuos que a Deputación presta a 74 concellos seguirá funcionando baixo o modelo de xestión directa.
A activación da mesa do transporte metropolitano e o compromiso cos regantes da Limia foron outros dos asuntos citados por Luis Menor. Estas cuestións, advertiu, figuran entre os temas tratados nunha recente reunión de traballo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, onde tamén quedou de manifesto a intención de abordar a situación da estación de montaña de Manzaneda para saldar a débeda que arrastra o complexo.
Neste punto de colaboración institucional referiuse ao convenio coa Consellería de Medio Rural, única Deputación galega cun acordo para adquisición de maquinaria para desbroces. Ata agora son 36 os tractores destinados aos concellos, coa intención de incorporar outro tipo de maquinaria como motoniveladoras ou a creación de brigadas comarcais.
Turismo, cun novo convenio coa Axencia Turismo de Galicia e accións específicas para promocionar os camiños de Santiago, con especial énfase na Vía da Prata, ou as accións para dar a coñecer as vantaxes do AVE –“denominador común das nosas políticas para poñer a Ourense de moda”- foron outros dos temas citados por Luis Menor.
O presidente concluíu o seu repaso a este primeiro ano de goberno na Deputación referíndose por unha banda ao deporte e á cultura.
Destacou por unha banda a sinatura de seis convenios de cooperación aprobados entre a Deputación e os concellos de Arnoia, Amoeiro, Cartelle, Trives, Toén e Lobios, para financiar obras en diversos campos de fútbol por un importe de case 2,5 millóns de euros.
Tamén falou do programa de Fomento do Deporte posto en marcha para contribuír á práctica deportiva na provincia entre o alumnado ourensán, “porque o noso é apoiar a práctica do deporte da xente”.
Apuntou tamén o proxecto para construír unha cidade deportiva en terreos da Tecnópole, outro dos asuntos abordados co presidente da Xunta.
Polo que respecta á cultura lembrou que a 28 edición do Ourense Film Festival (OUFF) foi a mellor edición da historia, con máis de 9.500 espectadores, e adiantou a próxima convocatoria da 33 edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, un galardón renovado que terá dúas modalidades: o recoñecemento á traxectoria dun profesional e unha bolsa para estudantes.