Luis Menor destaca a importancia da chegada do AVE a Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, afirmou esta tarde na Casa de Galicia en Madrid que “o AVE é ese factor de competitividade e valor engadido que necesitabamos en Ourense”, un instrumento ao servizo dunha provincia “que ten a inmensa capacidade de asombrar ao viaxeiro”.
Luis Menor realizou estas declaracións durante a presentación do libro “Ourense, ”, do escritor e xornalista ourensán Moncho Conde Corbal e editado pola Deputación. Unha obra, agradeceu Menor, na que se promociona Ourense “como a cidade que lles dá a benvida a Galicia, a pouco máis de dúas horas de Madrid”.
O AVE “é o milagre que transforma as distancias físicas en tempo” e que pon ao alcance de calquera viaxeiro un territorio “que sorprenderá a quen non o coñeza”, subliñou o presidente da Deputación, que ante o salón repleto da Casa de Galicia en Madrid destacou a singularidade termal da provincia, á que se refiren a maior parte dos colaboradores que participan neste libro.
O patrimonio arquitectónico e histórico, a natureza, o enoturismo, a gastronomía e os camiños xacobeos foron algúns dos recursos máis importantes citados por Luis Menor “nun prólogo da viaxe que me gustaría que fixesen á nosa terra”, convidou os presentes.
Xunto ao director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, o autor do libro, Moncho Conde Corbal, desexou que este traballo “teña continuidade con máis achegas”. O punto de partida desta publicación, desvelou, foi a inquietude por dar a coñecer a cidade e provincia aproveitando a chegada do AVE a Ourense, “como medio para que os habitantes de Madrid poidan visitarnos máis facilmente”.
“Ourense, ”, explicou Conde Corbal, incorpora a mirada e os recordos de nove xornalistas, escritores, ilustradores e profesionais da comunicación “con capacidade para expresar literariamente as emocións que lles xera esta terra”.
Coa colaboración fotográfica de Mani Moretón na cuberta, reconvertida en debuxo, e un marcapáginas coas pontes sobre o río Miño ao seu paso pola capital, o volume transformarase agora nun obsequio que recibirán todos os viaxeiros que se suban ao AVE en Chamartín con destino a Ourense o próximo 23 de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro.