Luis Menor garante a continuidade do programa CooperOU
O presidente provincial, Luis Menor, realizou esta mañá unha visita institucional ao municipio de Verín, onde visitou en compañía do alcalde e membros da Corporación diversas obras nas que colabora a Deputación Provincial para a mellora de diferentes vías públicas da vila do Támega.
Tal e como explicou o rexedor, Gerardo Seoane, a Deputación está a financiar 348.000 euros no Plan de Asfaltado posto en marcha polo Concello, cun importe total de 648.000 euros. Neste senso, o presidente provincial, Luis Menor, recalcou que Verín é un dos concellos máis “dinámicos e potentes da provincia” e puxo en valor a importancia de que a Deputación axude “a que os concellos tractores das comarcas teñan medios suficientes para dar mellores e servizos á súa veciñanza”.
Lembrou o presidente da Deputación que o Plan cooperou foi deseñado por todos os grupos e aprobado en bases de criterios fixados pola FEGAMP, dando recursos estables e cun espíritu progresivo, o que fai que exista o compromiso de que nos orzamentos deste ano suba nun millón a dotación deste plan, pasando aos 18 millóns de euros, “o que suporá que o Concello de Verín pase de 412.000 a 460.000 euros. Entre o invertido e o que está por invertir, Verín terá garantizados máis de 2 millóns de euros nos vindeiros 4 anos”, explicou Menor. A nivel provincial, Menor explicou que o Plan de Cooperación permitirá aos concellos contar con planificación e a seguridade de poderfacer obras, así como a liberdade de contratación das mesmas, e unha financiación fixa. “Este Plan veu para quedarse porque é bo para todos os concellos”, proclamou Menor.
Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane explicou que “temos que agradecer a colaboración da Deputación con este plan, pois nos permite conseguir un efecto multiplicador da inversión e dar mellores servizos á cidadanía”, amosando a súa satisfacción pola consolidación do Plan de Cooperación: “gracias por este éxito”.