Luis Menor preside o novo Comité Executivo do PP de Ourense
A sede central do Partido Popular de Ourense acolleu o acto de constitución do novo Comité Executivo provincial, no que o presidente Luis Menor fixo unha chamada a “seguir ensanchando o partido coa incorporación, ou invitación a participar, de todas aquelas persoas que se acheguen a nós para colaborar”.
Unha vez finalizado o proceso congresual, a reunión serviu para dar novos pasos cara á “efectiva organización” do partido, apuntou o presidente dos populares ourensáns. Así, tralo nomeamento o pasado sábado no 19 Congreso extraordinario provincial, “agora toca poñerse a traballar, cada un no ámbito das súas competencias e sen perder de vista a realidade que nos rodea e as persoas que tamén desexen achegar ideas e traballo”.
Luis Menor lembrou que no seu discurso ante o plenario do congreso, xa como presidente, lanzara unha chamada a “escoitar e falar con todo Ourense”. Así, desde unha base tan ampla como sos os máis de 200 novos representantes do PP, de todos os ámbitos sociais, de todas as idades, e de todos os territorios “seremos quen de chegar a toda a provincia”.
Insistiu o presidente provincial en manter, consolidar e fortalecer a unidade do partido, que xunto coa estabilidade que dá a nova organización, “vainos permitir seguir ofrecendo a Ourense un partido en constante evolución e proxectos de goberno”.
Un partido moi amplo e unido, dixo Menor, tamén debe ter en conta ás persoas que traballan desinteresadamente polo partido ou que, no seu día, ostentaron responsabilidades públicas como representantes do PP. Nesta liña lanzou como proposta a organización de actos de recoñecemento a colaboradores e voluntarios “que sempre están aí cando se precisan”, así como a todas aquelas persoas que no seu día ocuparon algún cargo, “dedicando unha parte da súa vida á actividade pública e política”.
VICESECRETARÍAS, COMITÉS E ÁREAS
Na reunión quedaron formalmente constituídas as trece novas vicesecretarías: Organización; Igualdade; Mobilización e atención ao afiliado; Emigración; Coordinación territorial (con representantes de todas as comarcas); Termalismo; Turismo; Educación; Sanidade; Servizos sociais; Medio rural; Deporte; e Xuventude.
Quedaron tamén constituídos os nove comités: Electoral; de Política Municipal; Emprego e Comercio; Relacións Institucionais e Interparlamentarias; Industria e Minaría; Reto Demográfico; Xurídico; Portavoces; e Veteranos.
O Comité Executivo complétase cos coordinadores de quince áreas: Medio Ambiente; Política Europea; Infraestruturas; Cultura; Xustiza; Vivenda; Formación, Estudos e Programas; Cooperación Transfronteiriza; Innovación e Novas Tecnoloxías; Comunicación; Redes Sociais; Seguridade; Emerxencias; e Organización de actos.