Luis Menor recibe no Pazo Provincial ao alumnado do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Salón de Plenos do Pazo Provincial a unha delegación do alumnado do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires, concretamente á 16ª promoción deste centro educativo que está a realizar a súa tradicional viaxe de estudos a Galicia, como actividade previa a conclusión dos seus estudos secundarios.
Luis Menor deulles a benvida a “nosa provincia eminentemente emigrante” e agradeceu o traballo que realiza este centro e o seu alumnado “no mantemento e difusión da nosa identidade e cultura na Arxentina”. O presidente provincial desexoulles unha boa estadía na nosa provincia, na que estarán acompañados polo escritor e director da Fundación Blanco-Amor e presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.
Cabe salientar que este centro de ensino privado promovido en 1989 pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires, inclúe no seu programa de estudos, primarios e secundarios, as materias de lingua e literatura galegas.