Máis de 1.000 alumnos participaron no que vai de ano no proxecto DigitalWeek que se leva a cabo nos Peares
Un total de 1.250 alumnos de toda Galicia participan este outono nos campamentos de inglés Dixitalweek da Xunta de Galicia, que son totalmente de balde para as familias. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.
Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou aos alumnos que están participando na estadía, unha acción dirixida a rapaces de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO que se desenvolve en quendas dunha semana de duración entre outubro e decembro e que conta co apoio de profesorado nativo en inglés.
O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.
Tal e como explicou o conselleiro, estas estadías enmárcanse en dúas das principais follas de ruta en materia educativa da Xunta, a Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe2030, e a Estratexia para a Educación Dixital 2030. “Traballamos en políticas educativas que favorezan a igualdade de oportunidades no acceso a este tipo de experiencias, cuxo custo asume a Xunta de Galicia, coa finalidade de mellorar as competencias fundamentais para o desenvolvemento do alumnado”, afirmou o conselleiro.
Actividades prácticas
Esta semana gozan da estadía 94 alumnos de 6º de Primaria de sete centros educativos, en concreto dos colexios CEIP Plurilingüe Praia Xardín (Boiro), CEIP de Melide Nº 1 (Melide), CEIP Plurilingüe Lansbricae (San Amaro), CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña), CEIP de Coirón-Dena (Meaño), CEIP Plurilingüe da Igrexa-Chapela (Redondela) e CEIP Plurilingüe Paraixal (Vigo).
Durante a estadía, os rapaces participan en tres obradoiros diarios, en horario de mañá e de tarde, con actividades de robótica, deseño e impresión 3D, así como elaboración e deseño de páxinas web. Todos os obradoiros desenvólvense en lingua inglesa e de xeito maioritariamente práctico.
O alumnado comparte talleres cos outros centros educativos o que garante, ademais, a socialización entre o alumnado nesta lingua estranxeira.