Máis de 2.000 escolares de 40 centros educativos ourensáns desfrutarán no Auditorio da peza ‘E entón, un xardín’

OurenseXa
Esta proposta de Paporrubio representarase os días 28 e 29 de abril no Auditorio Municipal de Ourense
funcion-e-enton-un-xardin
‘E entón, un xardín’
27 Apr 2025

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o luns 28 e o martes 29 de abril, no Auditorio Municipal de Ourense, a proposta escénica para escolares ‘E entón, un xardín’, de Paporrubio, dirixida a público de infantil. Realizaranse dous pases diarios, ás 10.00 e ás 12.00 horas, e asistirán máis de 2.044 estudantes procedentes de 40 centros educativos de Ourense e localidades derredor.

‘E entón, un xardín’ é unha peza de monicreques con música en directo. Unha comedia colorista e vitalista asentada na plasticidade do teatro de obxectos e na poética da imaxe. Neste espectáculo, o xardín convértese nun lugar de celebración e reivindicación. Os vexetais e animais son os protagonistas dunha historia estrafalaria na que a natureza esperta e reivindica os seus dereitos. Unha comedia disparatada ao servizo da imaxinación para espertar valores como a empatía, a responsabilidade e o respecto: a necesidade dun latexar común co mundo natural.

As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación co obxectivo de reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas. A programación está deseñada para promover unha educación en valores e competencias transversais potenciando o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas están consideradas como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión, e desenvolver habilidades sociais.

⚙ Configurar cookies
0.16074800491333