Máis de 600 nenos e nenas participaron en Ourense na 19ª edición das 'Mañás de verán'
Dende o luns 24 de xuño ata o venres 26 de xullo, a Asociación Xuvenil Amencer, tivo en marcha a décimo novena edición do proxecto educativo de tempo libre 'Mañás de verán', destinado á rapazada de entre os 3 ate os 14 anos de idade, e cunha duración de cinco semana. O lugar onde se desenvolveron as actividades foi nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora de Ourense.
Os obxectivos deste proxecto son conciliar a vida familiar coa laboral, educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar a participación e o traballo en equipo, poder seguir empregando as instalacións do colexio fóra do horario escolar e defender o dereito ao tempo libre educativo de todo rapaz e rapaza.
Durante esta edición participaron un total de 611 nenos e nenas de 51 colexios distintos da cidade tanto públicos como concertados e incluso nenos e nenas doutras vilas e cidades. As actividades contaron ademais coa participación dun total de 68 animadores e animadoras.