Máis de 700 escolares ourensáns participarán nun ciclo de visitas didácticas ao parque de bombeiros

O Concello de Ourense iniciou este xoves un ciclo de visitas didácticas de escolares da cidade ao Parque de Bombeiros. Alumnado do CEIP Mariñamansa e do CPR San Pío X participaron na primeira destas actividades, nas que unha unidade de bombeiros/as lles explica como funciona este servizo municipal e a súa contorna de traballo, creando unha interacción con eles e elas. O ciclo de visitas, co título “Aventura no Parque de Bombeiros” desenvolverase todos os mércores no parque de Ourense e contará coa participación de 700 escolares de diferentes centros educativos.
A actividade, organizada polas concellerías de Educación e Seguridade Cidadá coa colaboración dos bombeiros de Ourense, ten como obxectivos concienciar aos escolares acerca da importancia da prevención de incendios e das medidas de autoprotección, tanto no ámbito escolar como no doméstico-familiar, e explicarlles cales son os comportamentos axeitados para previr un sinistro ou, no caso de que se produza, afrontar a situación co menor risco posible para as persoas implicadas. Tamén se pretende crear unha experiencia divertida e sensorial para familiarizarse coa contorna do Parque (no caso de alumnado de 6 a 12 anos) e darlles a coñecer ás mozas e aos mozos (de 14 a 16 anos) a profesión de bombeiro/a como unha opción profesional nas súas vidas, entre outros obxectivos.
A mensaxe fundamental que se pretende transmitir é a importancia da autoprotección no caso dun incendio ou sinistro, pois desde que se inicia ata que chegan os servizos de emerxencia (bombeiros, policía, sanitarios…) pasa un tempo no que as persoas afectadas deben saber como reaccionar. Neste senso, aprovéitase tamén a ocasión para transmitirlle ao alumnado conceptos relativos a principios do lume, normas de prevención de incendios, tanto no ámbito escolar como no fogar, e comportamento para a evacuación de centros.
A experiencia estrutúrase en tres etapas diferenciadas segundo os grupos de idades que vaian visitar o Parque de Bombeiros, con actividades e temáticas específicas para cada grupo de idade, desde os 6 até os 16 anos. Entre os contidos, trataranse diferentes tipos de accidentes, como os causados pola produción de calor, os ocasionados pola electricidade, os orixinados na cociña, os escapes de gas, e recomendacións prácticas no caso de incendio, un terremoto, riadas, etc.