Miguel Abad Vila será o novo director de Atención Primaria de Ourense

OurenseXa
Comeza esta nova etapa cunha grande ilusión por traballar pola atención primaria co aval da súa experiencia adquirida durante trinta e cinco anos como médico de familia
Miguel Abad Vila
Miguel Abad, novo director de Atención Primaria de Ourense
18 Jul 2024

A Consellería de Sanidade ven de nomear a Miguel Abad Vila, como novo director de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras substituíndo no cargo a María Isabel Gómez Fernández.

Miguel Abad é licenciado en Medicina e Cirurxía e doutor en Medicina cum laude pola Universidade de Santiago de Compostela. Diplomado en Sanidade, conta con senllos másters en Xestión Sanitaria, pola Universidade de Vigo, e de Dereito Sanitario, pola Universidade de Castela-La Mancha.

A súa traxectoria profesional estivo sempre moi vencellada á atención primaria xa que comezou a traballar no ano 1989 no Centro de Saúde de A Ponte ata 2005 para posteriormente exercer no Centro de Saúde do Nóvoa Santos ata actualidade. Durante ese tempo tamén ocupou postos de responsabilidade na administración sanitaria xa que foi Delegado da Consellería de Sanidade en Ourense, responsable do CSI-CSIF de Ourense e Galicia, Xerente do Hospital Público de Verín e tamén foi Concelleiro do Concello de Ourense.

Na actualidade exercía o seu traballo como facultativo especialista de Medicina Familiar e Comunitaria no Centro de Saúde Nóvoa Santos da capital ourensá.

Miguel Abad comeza esta nova etapa cunha grande ilusión por traballar pola atención primaria da área sanitaria ourensá co aval da súa experiencia adquirida durante trinta e cinco anos como médico de familia o que lle outorga un coñecemento moi próximo das necesidades tanto dos profesionais que traballan nos distintos centros de saúde e PACs da provincia como das necesidades dos usuarios e das principais inquedanzas dos pacientes e das súas familias.

O novo Director de Atención Primaria desexa continuar o desenvolvemento “dun modelo de Atención Primaria máis proactivo, resolutivo e próximo á cidadanía. Nos últimos anos estanse a implantar os plans locais de saúde como unha ferramenta que permite mellorar a organización interna dos centros de saúde en función das necesidades dos profesionais e da poboación, o que permitirá ofrecer máis e mellores servizos”.

0.17150712013245