Milleiros de ciclistas citanse en Ourense para festexar o Día da Bici
Como cada ano, Ourense festexa o Día da Bici, que este ano cumple 38 edicións e que reunirá a milleiros de ciclistas nas principais rúas da capital termal durante a xornada deste domingo, 22 de setembro.
Os afeccionados e afeccionadas ao ciclismo percorrerán Ourense nunha das manifestacións deportivas e lúdicas con maior tradición e participación popular de todas as que se celebran na provincia.
Nos seus inicios, o Día da Bici pretendía, como obxectivo fundamental, fomentar o uso da bicicleta, e esta actividade foi consolidándose como unha festa familiar dirixida de modo maioritario aos máis pequenos. Agora, a xornada serve tamén para que milleiros de cidadáns reclamen o respecto para os usuarios das bicicletas, e ao mesmo tempo os máis pequenos poidan gozar das rúas da cidade no único día do ano sen coches, explican desde a organización.
Circuíto por 15 rúas da cidade
O circuíto arrancará na Alameda ás 12.00 horas e rematará no mesmo punto tras percorrer 11 quilómetros polas rúas Marcelo Macias, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Diez e de novo Progreso, ocasionando diversas restriccións de tráfico.
A organización lembra a importancia dos consellos para unha correcta e segura circulación en bicicleta, como é o uso do casco, a posta a punto das bicicletas, o respecto aos demais participantes, a especial vixilancia aos máis pequenos, a sinalización das manobras e o respecto ás normas de circulación.