Mobilízanse preto de 1,3 millóns de euros para a cooperación con concellos e entidades da provincia de Ourense

Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na súa reunión semanal, vén de mobilizar case 1,3 millóns de euros que irán destinados a cooperación cos concellos, colaboración con entidades, deportes, e asociacións veciñais.
No capítulo de cooperación cos concellos, aprobouse unha subvención a favor de Castrelo de Miño para a mellora da depuración por importe de 47.946,27 euros. Tamén deu o visto bo a unha axuda de 48.000 euros para a mellora da rega nas piscinas municipais de Cualedro e outra de 18.476,82 euros con destino á adquisición de vivendas sociais en Caxide (Parada de Sil).
Celanova disporá de 45.800 euros para actividades culturais e recreativas, mentres que Allariz recibirá tres subvencións: 15.000 euros para o arranxo da pista do pavillón municipal, 26.000 para a mellora do pavimento no paseo desde o tanatorio ata a cidade deportiva, e 29.000 euros para a reforma de espazos verdes.
Concedéronse tamén 48.000 euros para a humanización no núcleo de Vilar en Bande, 60.000 para obras de humanización da rúa Villacristobo en Carballeda de Valdedorras; a mesma cantidade a mellora da rúa Maneiro no Carballiño, e 38.987,18 euros para abastecemento, saneamento e pavimentación en Nocelo do Val (Castrelo do Val).
Coles vai dispor de 49.780 euros para a humanización do núcleo das Quintás da Barra, Melón terá 55.000 euros para a mellora da praza de Vilaverde, A Merca recibirá 60.000 euros para o parque infantil do Val do Seixo, A Peroxa terá 20.000 euros para o asfaltado de pistas e Porqueira contará con 30.000 euros para cofinanciar o plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración e reestruturación parcelaria. Trasmiras terá catro achegas por un importe total de 59.873,47 euros para melloras e renovación de parques infantís no propio Trasmiras, en Vilaseca, Rabal e Soutelo.
No referido a colaboración con entidades foi aprobada unha subvención de 10.000 euros a favor da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia para gastos de funcionamento; 40.000 euros para actividades e gastos de funcionamento da Agrupación Musical da Limia; e tamén para gastos de funcionamento, a Asociación de Artesáns de Ourense contará con 18.000 euros.
Axudas ao deporte
Entre os asuntos tratados na reunión, a Xunta de Goberno resolveu tres concursos referidos ao ámbito deportivo. Por unha banda, o procedemento de axudas a clubs deportivos de Ourense, que distribúe un total de 349.359,76 euros entre 97 clubs, agrupacións ou escolas.
Resolveuse tamén a concesión de subvencións para as Copas Deputación de 2024, por un importe de 89.167 euros destinados a 31 clubs, asociacións ou federacións. E, ademais, deuse o visto bo á concesión de subvencións a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a temporada deportiva 2022-2023, na convocatoria de 2024, concedéndose un total de 38.500 en axudas a 45 deportistas.
Achegas aos colectivos veciñais
Pechouse tamén o concurso de concesión de subvencións para gastos de investimento das asociacións veciñais da provincia, concedéndose un total de 30.000 euros a 42 colectivos ourensáns, maioritariamente para equipamento, mobiliario e acondicionamento das súas sedes.